O litoral de Foz en estado natural constitúe un ecosistema de grande riqueza ecolóxica, elevada calidade ambiental e interese paisaxístico, tanto pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats (de importancia comunitaria), como pola súa xeomorfoloxía e paisaxe.
Foz posúe unha grande riqueza ambiental, destacando a súa ría e os seus ríos (Masma, Centiño, Ouro e Moucide). Existe un grande patrimonio etnográfico e cultural, constituíndo espazos de ocio fundamentais. Os ecosistemas acuáticos son elementos clave na biodiversidade do territorio, tanto pola súa grande incidencia espacial coma pola súa variada tipoloxía.
Mostra da importancia e riqueza ambiental do noso municipio son os seguintes distintivos outorgados:
- Ría de Foz: integrada na Rede galega de espazos protexidos e declarada como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e incluída na “Rede Natura 2000”, como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). Declarada tamén Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).
- Río Masma: declarado como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e incluído na “Rede Natura 2000”, como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC).
- Río Ouro: declarado como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e incluído na “Rede Natura 2000”, como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC).
Os paseos creados a beiras das nosas praias, ría e ríos facilítanos gozar da riqueza paisaxística e ambiental destes elementos. Achegarnos á ría de Foz a través do Paseo de Malates ou camiñar polo ámbito do río Ouro son algúns dos recursos que ofrece o noso municipio.
Ría de Foz
A ría de Foz está formada pola desembocadura do río Masma, cercada polas praias de A Rapadoira (de Foz) e de Altar (de Barreiros). Conta coa presenza de xuncais de marisma e áreas de carrizais con grande riqueza ecolóxica e paisaxística.
Mostra da riqueza ecolóxica desta ría é a variedade de hábitats que nela atopamos entre outros:
- Esteiros
- Chairas lamacentas ou areentas non cubertas con marea baixa
- Pasteiros salinos atlánticos (“Glauco-puccinellietalia maritimae”)
- Matogueira halófila mediterránea e termoatlántica (“Sarcocornetea fruticosi”)
- Lagoas eutróficas naturais con vexetación “Magnopotamion” ou “Hydrocharition”
- Vexetación anual pioneira con Salicornia e outras especies de zonas lamacentas ou areentas
- Dunas móbiles embrionarias
- Bosques aluviais de “Alnus glutinosa” e “Fraxinus excelsior” (“Alno-Padion”, “Alnion incanae” e “Salicion albae”)
A nosa ría acolle grande número de especies de aves acuáticas e mariñas, principalmente en inverno, cando miles de exemplares en tránsito poboan as súas augas. Os areais costeiros que complementan aos humedais, son sen dúbida un dos mellores lugares para a observación de diferentes especies de aves como o cormorán (“Phlacrocorax”), o garza pequena (“Ixobrychus minutus”), o ánade (“Anas platyrhynchos”), o ánade rabudo (“Anas acuta”), o mazarico real (“Numenius arquata”) e o mazarico louro (“Limosa lapponica”) -especies ameazadas-, a garza real (“Ardea cinerea”), o asubiador europeo (“Anas penelope”), a gaivota (“Larus”), o aguiacho lagunero occidental (“Circus aeruginosus”), a avefría (“Vanellus vanellus”), a agulla (“Limosa”), pirlo (“Calidris”), ou a avoceta (“Recurvirostra avosetta”). Entre as aves invernantes podemos ver o ganso de cara negra (“Branta bernicla”). Tamén atopamos o picapeixe (“Alcedo athis”) e o merlo acuático (“Cinclus cinclus”).
Especial mención podemos facer á parada invernal habitual dunha fracción significativa de poboación do cullereiro (“Platalea leucorodia”), de orixe holandesa, o que lle confire unha importancia internacional.
Entre os mamíferos podemos destacar a londra (“Lutra lutra”), o desmando (“Galemys pyrenaicus”) e o armiño (“Mustela erminea”). Tamén debemos nomear algúns dos invertebrados ameazados en Europa que acolle a nosa ría, como son o caracol (“Elona quimperiana”) ou o coleóptero (“Lucanus cervus”).
Con respecto á herpetofauna, entre outras especies, existen membros de pítega rabilonga (“Chioglossa lusitanica”), de píntega común (“Píntega píntega”), de lagarta da serra (“Iberolacerta monticola”) e de lagarto das silveiras (“Lacerta schreiberi”).
A súa fauna piscícola presenta unha notable importancia podendo atoparse 5 especies de peixes continentais autóctonos, entre os que destaca o salmón (“Salmo salar”). Tamén están presentes lamprea (“Petromyzon marinus”), a troita (“Salmo trutta trutta”) e a anguía (“Anguilla anguilla”).
Podemos gozar desta ría a través do Paseo de Malates e continuar ata o río Masma.Así mesmo, podemos contemplar a súa confluencia co mar sobre o Paseo de Laredo, que separa a praia de A Rapadoira da ría e onde se encontran os faros.Este Paseo fai honor a relación entre os pobos de Laredo e Foz, contraída pola pesca.
Debido a súa riqueza ecolóxica está integrada na Rede galega de espazos protexidos e declarada como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e incluída na “Rede Natura 2000”, como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC 1120011). Declarada tamén Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA ES0000373).
![Paseo de Laredo](https://concellodefoz.gal/wp-content/uploads/2022/03/paseo_laredo2.jpg)
Paseo de Laredo
![Ría de Foz](https://concellodefoz.gal/wp-content/uploads/2022/03/ria_satelite.jpg)
Ría de Foz
![Paseo de Laredo](https://concellodefoz.gal/wp-content/uploads/2022/03/paseo_laredo.jpg)
Paseo de Laredo
![Placa Paseo de Laredo](https://concellodefoz.gal/wp-content/uploads/2022/03/r_foz_chapa.jpg)
Placa Paseo de Laredo
Río Masma
Desemboca na ría de Foz, formando antes o amplo val de Mondoñedo e, polo Leste, o de Lourenzá.
O seu percorrido é de 46 km, cunha pendente relativamente acusada, sobre todo no seu curso superior, dun carácter marcadamente torrencial.
O río Masma é coñecido pola súa pesca de salmóns, aínda que tamén se poden pescar outras especies como troitas, lampreas, reos e anguías.
Se desexa coñecer información sobre permisos de pesca e cotos, acceda á información da Xunta de Galicia.
Río Centiño
O río Centiño ten unha extensión de 11 km, que o leva dende a parroquia de San Martiño á súa desembocadura na ría de Foz.
Este río destacaba pola súa pesca de troita, non obstante actualmente atópase vedado.
Os numerosos muíños existentes na súa beira dende a parroquia de San Martiño ata o barrio de Vilaxoane, dan conta da importancia deste río para os veciños e veciñas en épocas anteriores.
Río Moucide (Alemparte)
O río Moucide ten unha extensión aproximada de 11 km, que comeza cun regueiro intermitente nas proximidades de Outeiro. Ao longo do seu traxecto bebe doutros regueiros que fan crecer o seu caudal que ten lixeiras ondulacións, sen crear acusados meandros.
O descenso na súa cabeceira é rápido pero despois transcorre por unha pendente máis suave.
Ao seu paso pola parroquia de Cangas, onde desemboca, toma o nome de río Alemparte, para morrer entre a Punta de Riosmar e os Castelos.
Río Ouro
O río Ouro nace na Serra do Xistral e desemboca na parroquia de Fazouro, tendo un percorrido de 30 km polos que recibe achegas dos ríos Beloi, Vao e Ferreira.
Na súa parte alta predominan as augas claras e rápidas, despois esta auga vanse calmando e dan lugar a meandros, grandes táboas e pozas. As súas marxes están limitadas por acantilados de baixa altura e na súa desembocadura, na súa marxe dereita sitúase a praia da Pampillosa.
Entre a variedade de hábitats que existen neste río, atopamos:
- Pasteiros salinos atlánticos (“Glauco-puccinellietalia maritimae“)
- Matogueira halófila mediterránea e termoatlántica (“Sarcocornetea fruticosi“)
- Bosques aluviais de “Alnus glutinosa” e “Fraxinus excelsior” (“Alno-Padion“, “Alnion incanae” e “Salicion albae“)
Neste río atopamos un couto onde se adoitan pescar troitas, reos, lampreas e anguías. A presenza de salmóns é moi reducida.
Entre os mamíferos que habitan no río Ouro atópanse en gran número, as londras (“Lutra lutra“) . Entre as aves que podemos observar están o ferreiriño subeliño (“Aegithalos caudatus“), o ouriolo (“Oriolus oriolus“) e o gabián (“Accipiter nisus“).
Tamén se di que antigamente se recollían deste río pebidas de ouro.
Podemos continuar o curso deste río dun xeito agradable a través dun paseo que nos leva ata a parroquia de Santo Acisclo Acisclo. Así tamén na desembocadura atoparemos unha área recreativa e un parque.
Se desexa coñecer información sobre permisos de pesca e cotos, acceda á información da Xunta de Galicia.
Paseos polo litoral
O municipio de Foz posúe diferentes paseos polo seu litoral para que todas as persoas poidan gozar das súas incribles paisaxes dun xeito tranquilo e saudable.
Así, podemos enumerar os paseos existentes na actualidade, e que seguirán aumentando nun breve espazo de tempo.
- Paseo de Laredo
- Paseo Rapadoira-Llas
- Paseo Llas-Peizás (en construción)
- Paseo de Malates
- Paseo Río Ouro
- Paseo de Cangas
Paseo Río Ouro
Paseo Cangas
Paseo A Rapadoira-Llás
Paseo Malates
Áreas recreativas
Se o que desexa é poder gozar dun agradable día apreciando os monumentos de Foz ou a súa natureza, aproveite para descansar e repoñer forzas nas diferentes áreas recreativas que pon á súa disposición o municipio de Foz.
Elixa o lugar entre:
- Área recreativa do Obispo Santo (San Martiño)
- Área recreativa da praia de A Rapadoira (Foz)
- Área recreativa da praia de Llas (Foz)
- Área recreativa da praia de Peizás (San Martiño)
- Área recreativa da praia de A Pampillosa (Fazouro)
- Área recreativa Río Ouro (Fazouro)
- Área recreativa de Os Castros (Cangas)
- Área recreativa do Sixto (Cordido)
- Área recreativa da Basílica de San Martiño
- Área recreativa de Ferreira Avella (San Martiño)
- Área recreativa de Villacizal (Santa Cecilia)
- Área recreativa de Malates (Vilaxoane – Foz)
- Área recreativa de Fondás (Mañente – Villaronte)
de Fondás (Mañente – Villaronte)
da praia de Llas
Río Ouro (Fazouro)
de Malates (Vilaxoane – Foz)