Foz é cultura: o Concello mantén unha ampla programación ao longo de todo o ano para achegar a arte, as letras e a música a todas as veciñas e veciños e aos nosos visitantes. Foz conta cun importante número de asociacións culturais de gran arraigo que colaboran co Concello de forma activa e promoven o folclore tradicional, a música, o baile, as artes escénicas e outras expresións artísticas entre a poboación, sendo mostra e referente en toda a comarca. O Concello promove eventos tan institucionalizados como o Entroido de Foz ou a Feira do Libro en agosto, unha das máis antigas de Galicia, e figura como organizador u colaborador en multitude de eventos.
Entroido de Foz
O carnaval de Foz mobiliza –e paraliza- a todo o Concello. O entroido focego ten unha serie de características que o diferencian dos entroidos de outros pobos da zona, non só en canto ao volume de participación, senón tamén á implicación da localidade.
O Carnaval en Foz conta con Elección do Rei/Raíña do Entroido por votación popular, o Plan, as Peñas, a propia Sala Bahía, o Baile do Farolillo, as Coplas, a Cea de Coroación ou a propia Queima do Entroido…O acto central é o desfile polas rúas da vila que se celebra de forma tradicional na tarde do sábado previo ao martes de Entroido.
Dada a súa relevancia, recentemente foi solicitada á Xunta de Galicia a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia.
Festas do Carme
En Foz a festa do Carme é unha das celebracións relixiosas de maior relevancia na vila. Patroa dos mariñeiros, a xente engalana as rúas con alfombras de flores polas que se levará a imaxe en procesión: tamén se celebra unha ofrenda floral aos mariñeiros. O día central das festas é o 16 de xullo e conta con distintos actos e animadas verbenas.
Festas Patronais de San Lourenzo
Declaradas Festas de Interese Turístico de Galicia, as Festas Patronais de San Lourenzo celébranse no mes de agosto, en plena tempada estival. O día grande é o día 10, sendo o evento máis multitudinario o gran espectáculo pirotécnico de fogos artificiais que se celebra na madrugada do 10 ao 11 de agosto. A programación inclúe verbenas, festivais e diversas propostas culturais.
Outras festas
- SAN XIAO – 7 De xaneiro – Cordido
- SAN BLAS – 3 de febreiro – Barrio de Vilaxoane
- SEMANA SANTA – Basílica de San Martiño
- FESTA DO BERBERECHO – Abril (Foz)
- BISPO SANTO – Tradicional romaría na que se conmemora o milagre do Bispo Santo que, dacordo coa lenda, afundiu 300 navíos normandos ou sarracenos no século IX.
- SAN XOAN – 24 de xuño – Vilaronte
- FEIRA CABALAR – Xuño – A Espiñeira
- FESTA DAS AVELAIRAS – Xullo – Vilasindre (Cangas)
- FESTA DO CARME – Primeiro domingo de xullo – Santa Cecilia
- FESTA DO CARME – xullo – San Martiño
- CORAZÓN DE XESÚS – Xullo – Cangas
- SANTIAGO APÓSTOL – 25 de xullo – Fazouro
- FESTA PARROQUIAL – Agosto – Nois
- FESTA DO EMIGRANTE – Mediados agosto – Vilaronte
- FESTA DE MARZÁN – Finais agosto – Barrio de Marzán
- FESTA DA PEREGRINA – Primeiro domingo de setembro – Cordido
- A SANTINA – Setembro – Foz. Festa da comunidade asturiana en Foz
- SAN CAMPIO – Terceira fin de semana de setembro – Fazouro
- FESTA DO PILAR – 12 de outubro – A Espiñeira
- SAN MARTIÑO – 11 de novembro – San Martiño
- SAN ACISCLO – 17 de novembro – San Acisclo
- SAN ANDRÉS – 30 de novembro(fin de semana) – Teixeira (Santa Cilla)
- A INMACULADA – 8 de decembro – Cangas
Feira do Libro
A Feira do Libro de Foz, organizada en colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia, é a decana da provincia de Lugo e unha das máis antigas de Galicia. Celébrase nos xardíns da Praza Conde de Fontao no mes de agosto e acuden libreiros de distintos puntos do país. Presentación e sinaturas de exemplares, contacontos e actos musicais completan unhas xornadas nas que o libro é o gran protagonista.
Festival Bal y Gay
O Festival de Música Bal y Gay nace en 2014 como unha iniciativa da Asociación Xesús Bal y Gay para achegar a música clásica de calidade onde a accesibilidade a esta era moi limitada. Desde entón, intérpretes do momento reúnense en A Mariña na segunda quincena de agosto para promover a formación musical, así como para vivir experiencias artísticas onde a música comparte protagonismo coa historia, o patrimonio arquitectónico da zona, a paisaxe ou a gastronomía. O Festival Bal y Gay traspasou as fronteiras de Foz a toda a comarca mariñá e consolídase como un Festival de referencia en Galicia tanto a nivel de público como de prensa, grazas a un cartel de artistas de primeiro nivel.
Festival Vrao
O Festival Vrao foi un referente do verán de Foz, da música independente galega promovida polo asociacionismo e das gañas de achegarse aos ritmos musicais máis actuais feitos por artistas da terra. O Concello de Foz retoma o proxecto da man dos seus antigos promotores cun dobre obxectivo moi claro: crear un espazo musical para as novas xeracións dentro da programación cultural do Concello e promover a creación e o traballo de novos talentos galegos. A edición do 2022 do Festival, con dous días de programación o 13 e o 14 de agosto, conta con grandes artistas como Grande Amore, Ortiga ou Familia Caamagno.
Festa Normanda
A Festa Normanda de Recuperación da Memoria Histórica celébrase cada ano o último fin de semana de agosto para conmemorar o afundimento das naves normandas por mediación do bispo San Gonzalo. Organizada pola Asociación Desembarco Normando, son unhas xornadas de celebración nas que veciños e visitantes se caracterizan de “normandos” ou “focegos” e nas que o Desembarco Normando na praia de Tupide se converte no fito máis importante.