Dec 17, 2024 | Foz ao día, Novas

A praza Conde de Fontao, de Foz, acollerá este mércores, día 18, as actividades da campaña Regala en Nadal, Merca en Local, que promove a Deputación de Lugo e a Federación Galega de Comercio. A partir das 17.00 horas todos aqueles que queiran participar nas distintas actividades terán que acudir á praza cos seus tickets de compra deste mes de decembro en calquera comercio minorista da provincia de Lugo. Por cada ticket superior a 10 euros entregarase un boleto. Os sorteos serán de 500, 1.000 e un bingo especial de 3.000 euros, contando ademais con actividades infantís e chocolatada.
Dende o Concello de Foz convidan “a todos a acudir a esta actividade que anima a mercar no comercio local, o que lle da vida ao pobo. Moita sorte a todos os participantes”, indica o alcalde, Fran Cajoto.
O Concello anuncia que en caso de choiva todas as actividades se trasladarán á Sala Bahía.