O Concello de Foz presenta a programación completa do Entroido, que inclúe actividades desde o día 31 de xaneiro ata o 20 de febreiro.
“O Entroido é para Foz unha das épocas de máis actividade e emoción. Para grupos e peñas son meses de traballo nos que confeccionan vistosos traxes, artiluxios e carrozas que fan as delicias de xente de tódalas idades”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto, que anuncia: “a partir da próxima semana estará habilitado o formulario na sede electrónica do Concello para a inscrición no desfile de Foz. Estará aberto ata o xoves 12 ás 14.00horas. Non se permitirán inscricións o mesmo día do desfile. Tamén poderán inscribirse no rexistro do Concello. Os grupos, comparsas e carrozas que queiran participar no sorteo de postos deberán anotarse antes do luns 9 ás 14.00 horas. O sorteo será na Casa da Cultura ás 20.30 horas do mesmo luns”.
Inés López Couto engade que “o programa deste ano comeza a vindeira fin de semana, coa coroación do rei do Entroido e as súas damas nunha cea baile na carpa da rúa Atalaia para a que as entradas están esgotadas. Cada ano anímase máis xente a acudir. Sentimos que non poidan acceder máis persoas, pero para aumentar o número de comensais necesítanse bastantes cambios, xa que afecta ao plan de seguridade, catering, a carpa, etcétera. Ese mesmo día 31 pola mañá poderemos desfrutar das comparsas de Foz durante os viños de mediodía polas rúas do pobo”.
O seguinte evento é o xoves 12 de febreiro, xoves de comadres. Ás 20.00 horas a comparsa As Farangullas abrirá a exposición na súa honra no CENIMA e ás 21.30 horas dará comezo a cea de comadres, na Sala Bahía. A música será a cargo de Primera Línea. Para adquirir as entradas deberá facerse nos locais de Afammer e Amas de Casa de Foz. O venres 13 ás 20.00 horas será o pregón das Farangullas para a continuación ver o concurso de coplas, na carpa da rúa Atalaia.
O sábado 14 é o día grande: ás 10.00 da mañá soará o chupinazo e haberá música coa charanga Santa Compaña. Ás 16.30 horas comezará o gran desfile de Entroido, con máis de 8.000 euros en premios. Á noite o baile será a cargo dos grupos D’Cano e La Bamba. A entrega de premios será a partir da 1.30 horas. O prezo da entrada é de 7 euros e poderá adquirirse online ou na entrada do recinto.
O domingo 15 é o Día Infantil. Ás 17.00h comezará o baile infantil na carpa coa actuación de La Guagua e moitas actividades para os máis pequenos. A entrada custa 4 euros. Ás 19.30 horas entregaranse os premios infantís, para ás 20.30h desfrutar do Touporroutou no salón de actos do Colexio Martínez Otero.
O luns 16 de febreiro é o día do Baile do Farolillo. Ás 17.30 horas na Sala Bahía será O Feitizo o encargado de que os máis pequenos o bailen. Para ás 23.00 horas continuar co baile para os maiores amenizado por orquestra Miramar e Cosme Deejay. O prezo da entrada é de 4 euros e poderá adquirirse do mesmo xeito que as do baile do sábado.
O martes 17 os máis pequenos poden desfrutar dun día de actividades na carpa da Rúa Atalaia, a partir das 17.00 horas. O Entroido de Foz despedirase ata o 2027 o venres 20, con saída ás 20.30 horas da comitiva fúnebre do Campo da Cabana para chegar á praza Conde de Fontao e realizar a tradicional queima.
“Coma os últimos anos, contaremos co graderío situado na explanada portuaria. As entradas poñeranse á venda o luns 9 a partir das 9 da mañá no CENIMA a un prezo de 5 euros para os adultos e nenos de máis de 12 anos, e para os menores desa idade é gratis”, explica o concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira.
E o alcalde, Fran Cajoto, remata dando as grazas “a todos os grupos, peñas do Carnaval e traballadores que facedes posible o Entroido de Foz, que é todo un referente. Agardo que o desfrutedes moito e que a maxia do Carnaval de Foz quede no voso recordo”.


