Xan 23, 2026 | Foz ao día, Novas

O alcalde, Fran Cajoto, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiron onte, xoves, unha reunión da Xunta Local de Seguridade, na que se analizou o dispositivo de seguridade para o Entroido.

Desde a Subdelegación do Goberno informaron dun descenso do 8% no número de infraccións penais en 2025 respecto ao ano anterior, situándose Foz cunha taxa de seguridade superior á da media provincial. 

Na reunión participaron efectivos da Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros, Policía Nacional, Policía Local e Protección Civil. “Quero agradecer á subdelegada, e especialmente ás forzas e corpos de seguridade, o traballo e esforzo que fan durante todo o ano. A colaboración do parque comarcal de Bombeiros e dos distintos corpos da Garda Civil co Concello de Foz é continua e debémoslles moito, especialmente en situacións de emerxencia ou alerta meteorolóxica como estamos a vivir estes días”, indica o alcalde. 

Fran Cajoto informou da incorporación dun novo axente de Policía Local, que comezou a súa formación na Axencia Galega de Seguridade Pública e que fará prácticas este verán, completando a plantilla disposta na RPT do Concello (8 axentes e xefatura). Tamén pediu “na medida do posible, un aumento do plantel da Garda Civil, que conta cun total de 16 efectivos. Foz é o segundo concello por poboación da comarca, o que máis medra da Mariña, e triplicamos os habitantes en verán. A pesar do esforzo que fan o capitán e o sarxento, precisamos dunha dotación maior, especialmente nos meses de xullo e agosto”.

O alcalde de Foz tamén explicou que “na reunión preparatoria do operativo de seguridade do Entroido 2026, na que participaron tamén os concelleiros Inés López e Ángel Fernández, a técnico de Cultura, representantes da empresa de prevención, da empresa organizadora e da seguridade privada contratada, analizáronse pormenorizadamente os distintos eventos que compoñen o programa do Carnaval focense, con especial atención posta na cea de coroación e no gran desfile e posterior baile do sábado día 14. Os asistentes á reunión recibiron unha información completa da programación e aportaron suxestións que serán incorporadas ao dispositivo, como a recomendación de que os asistentes ao desfile do día 14 adianten a súa chegada á vila para evitar retencións de tráfico”.