Out 25, 2025 | Foz ao día, Novas

O Concello de Foz pon en valor os proxectos do Estado deste mes de outubro para afrontar os danos producidos  polo temporal de marzo do ano 2024 na costa do municipio.

O día 14 deste mes o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) adxudicou á UTE Miv 2021 Lote 1(Contratas y Servicios Ferroviarios, COPASA, COMSA, Ferrovial y TECSA), unión temporal de empresas encargada do mantemento da infraestrutura e vía da liña de ancho métrico, a redacción de proxecto e execución de obra de tratamento polo desprendemento do talud da plataforma ferroviaria na praia de Arealonga, por un importe de 1.280.953,57 euros. 

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, destaca que é “unha obra moi importante para consolidar e garantir a integridade da vía na praia de Arelonga, despois dos derrubes na costa provocados polo temporal de marzo do ano 2024. A finais dese mes ADIF xa realizara sondaxes do terreo para ver a consistencia do mesmo e en outubro do mesmo ano, a petición do Concello de Foz, mantivemos unha reunión dirixida polo Delegado do Goberno, Pedro Blanco, na que estaban presentes tamén a anterior subdelegada, o xerente de ADIF de Ourense e Noroeste e o xefe provincial de Costas, ademais da concelleira Ana Rojo. Estoulle moi agradecido ao Delegado do Goberno por impulsar esta obra que nos transmite tranquilidade e que vai a servir para garantir a integridade da vía”.

Ademais este martes, día 21 de outubro, publicouse no Boletín Oficial do Estado o proxecto de retranqueo dos paseos de Cangas de Foz e praia de Arealonga (zona Fazouro) Fase 1. Esta primeira fase correspóndese coa humanización e posta en valor do trazado actual da senda por un importe de 300.965,59 euros. “Os temporais de marzo de 2024 afectaron ao paseo de Arealonga, que está derruído a carón do acceso do Castro de Fazouro. O trazado actual, que cruza a vía de ferrocarril en dúas ocasións, vaise humanizar para garantir unha maior seguridade ante os vehículos e unha mellor integración cun entorno de gran valor paisaxístico e patrimonial. Segundo nos trasladan desde o Goberno, en próximas semanas vaise publicar no BOE tamén a fase 2, que é para nós a máis importante: a restitución do paseo no entorno da cala de San Pedro de Cangas mediante un retranqueo do mesmo, actuación para a cal o Concello debe adquirir os terreos. Esta segunda fase, que conta cun orzamento de obra de 272.517,52 euros, vai eliminar os riscos de atropelo que sofren tódolos días os peóns que se teñen que desviar polo arcén da estrada N-642 polo corte no paseo marítimo”, remata o alcalde de Foz.