Nov 5, 2020 | Bitácora Focega

EXTRAÍDO DE BLOGSPOT.

Na Galicia de fins do XV existían na cornixa lucense dous portos cunha actividade economica de gran importancia: Ribadeo e Viveiro, aínda que iso non quere dicir que non existisen outros portos. Nos portulanos (mapas onde figuran os portos co seu nome) de  Grazioso de Benicasa de Ancona (1467) aparecen Ribadeo, Baxma, Virella, San Cipriam, Vivero e no do portugués Pedro Reinel (1485) menciónase a Ribadeo, Vasma, San Cibrao e Viveiro.

Este Vaxma é o actual de Foz. Un porto de marea, resgardado, pero con barra na boca, que a pesar de non ter privilexio de carga “fue desde muy pronto refugio favorito de los navegantes”(Ferreira Priegue,1988:115).

Entorno a 1470 o mariscal Pedro Pardo de Cela, que tiña ocupado ao bispado o porto de Bares e posuía os do Barqueiro e Masma, habilita estes portos para a exportación de madeira, negocio que lle xera importantes beneficios.

Esta situación de comercio ilícito será denunciada ante os reis católicos por Ribadeo e Viveiro. A finais de xuño de 1478 os citados monarcas, en carta dirixida ao Mariscal, recoñecían a situación “avedes fecho e abyerto puertos nuevos e fecho carga e descarga de navios e barcas e fustas en la Masma e Vares”(Ferreira Priegue,1988: 117).

Sabemos como rematou a vida do Mariscal, pero a súa desaparición física non significou o fin do porto de Masma. Pola súa posesión pelexaron Viveiro e Ribadeo, sendo esta última poboación a que se fixo co control portuario. En 1506 o conde de Ribadeo (Rodrigo de Villandrando) recibía carta da raíña Xoana na que se lle esixía o abandono deste porto “entre esta villa e Ribadeo e Bibero ay un rio que se llama la Vasma … de pocos dias a esta parte vos o algunos de vos aveys fecho e mandado fazer … carga e descarga en la dicha ria de la Vasma”.

En 1550 publicábase en Mondoñedo o libro “Descripción del Reino de Galicia”, obra de Bartolomeu Sagrario Molina. Nel tamén se menciona o porto de Masma “que es el que entra en la ria del puerto de Santiago de Foz; do se hazen gentiles navios y de mucho porte; porque es tierra de madera y fuste para ellos”.

Aparte da carpintería de ribeira, en Foz, abundaba a sardiña. Por esta razón acudían a el mariñeiros asturianos “y otros de Asturias que vienen a la pesca al puerto de Santiago de Foz” (González Muñoz, 1982:76).

Aparte de sardiña, Foz fornecía os mercados interiores de peixe fresco, sendo cliente principal a cidade episcopal.

O 7 de xuño de 1576, e para controlar a expansión da peste, Mondoñedo ditaba unha orde relativa á prohibición de traer peixe á cidade dende os portos de San Cibrao  e Foz: “que ninguna persona … ni de los puertos de Burela  e San Cibriano  ni del de Foz a Ribadeo … traya pescado … so pena de duzientos açotes”(datos facilitados por Roberto Reigosa).

A catedral mindoniense cobraba no porto de Foz dereitos e os dezmos do mar, que si ben non sumaban cantidades de consideración, comparadas con Viveiro e Ribadeo, si eran importantes para a economía da catedral. Por esta razón, cando o rei Felipe II vende as xurisdicións de Vilaronte e San Martiño ao oidor Saavedra, o cabido mindoniense entabla un sonado preito para non desprenderse da propiedade do porto de Foz.

Antes de meternos co preito cabe dicir que a venda do rei Felipe II non é directamente ao oidor Saavedra senón ao xenovés Baltasar Lomelín, que as vende a Saavedra, pero diso xa falaremos noutro artigo posterior. Dicir, para quen non o lembre, que o citado oidor é o responsable da construción de ermida de San Brais en Vilaxoane.

O bispo, don Gonzalo Gutiérrez Mantilla, remitía ao rei Felipe II, o 5 de maio de 1595, unha carta na que argumentaba varias razóns para non vender o porto focego ao oidor Saavedra (un veciño de San Martiño que traballaba na Real Facenda da Corte). Así lemos que “el puerto de Santiago de Foz no es costa braba … antes es puerto a donde surgen fustas y navios gruesos y pueden cargar y descargar enel y es de mucha utilidad y probecho para Vuesa Magestad”.

O bispo, moi intencionadamente, lémbralle ao monarca que hai que ter moito coidado con darlle poder aos nobres, pois estes tenden a levantarse en contra da autoridade real. Segundo o prelado aínda estaba moi recente a revolta do Mariscal “… y en este reino de Galicia el mariscal Pedro Pardo, Pedro Bolano y Pedro de Miranda, con solo tener el uno un penasco en un monte a donde se acogia y el otro un castillo en la ribera del rio de Miranda y el otro una fortaleça tiraniçaban la tierra y no havia cosa segura y fue necesario que el Rei don Fernando inbiase contra ellos y solo la muerte lo pudo atajar y estos con tan poco poder hacian tanto mal” e si estes nobres foron capaces de levantarse contra o rei, que non farán os sucesores do citado oidor, tendo as dúas xurisdicións e un porto.

Aparte, segundo o bispo, a venda do porto significaría a imposibilidade de mercar peixe en Mondoñedo, afirmación bastante esaxerada pois á cidade episcopal chegaba peixe fresco dende Foz, Burela, San Cibrao, Ribadeo e Viveiro, e destes dous últimos tamén peixe salgado. Pero deixémoslle falar ao señor bispo sobre a relación de Mondoñedo e Foz  “la ciudad de Mondoñedo está distante del dicho puerto dos leguas y todo el pescado que se gasta en la dicha ciudad viene del dicho puerto y tomando el oydor la posesion no se atrebera ninguno a pescar en el dicho puerto y sus terminos y carecera de bastimentos esta ciudad porque el dicho oydor pondrá nuebas imposiciones y si el no, sus herederos y sucesores, si”.

A carta do bispo tivo o éxito buscado e o porto de Foz continuou dependendo o bispado.

Nun apeo de bens, realizado no ano 1596, vemos como o bispado era o dono dos dereitos do mar que producía o porto de Foz, estamos a falar dos  “derechos de las barcas y chalupas que bienen  de otras extrañas jurisdiziones a pescar al puerto de Foz alonxandose del dicho puerto para la dicha pescaria que son de los que cazan con solo espinel ciento y cinquenta maravedis y los que cazan y pescan la dicha pescaria con redes sardineiras pagan de cada una de las barcas y chalupas ducientos y ciquenta maravedis”.

Para o profesor Leal Bóveda, tal e como referencia na súa tese doutoral, tanta abundancia de pesca permite que en Foz exista, de igual maneira que acontece con outros portos da cornixa lucense, unha actividade de exportación de peixe, en concreto de sardiña escochada. O citado profesor afirma que a pronta oxidación deste producto impedía unha exportación a lugares afastados (sur peninsular) circunscribíndose á cornixa cantábrica española e francesa, entre outros lugares.

Un exemplo de todo o que anteriormente mencionaba Leal Bóveda atopámolo nun protocolo notarial, redactado polo escribán Rodrigo Basanta Aguiar (Ferreira do Valadouro, 23 de marzo de 1596). Trátase dun contrato de venda entre os veciños da parroquia de San Xurxo do Cadramón, Bartolomeu de Cortegada, Pedro Pico, Pedro da Veiga e Pedro Vizoso, “por la que se obligaron cumplir un contrato a Luis de Luaces rexidor, vecino de la ciudad de Mondoñedo, quatro mill nuevecientas veinte y cinco doelas del tamaño largor y anchor que tenian tratado, puestas y acarreadas en el puerto de Santiago de Foz”.

Para Leal Bóveda esas doelas serían empregadas na fabricación das pipas onde se exportaría a sardiña escochada.

As actividades comerciais do porto de Foz no século XVI serían: pesca de sardiña, exportación de madeira, de sardiña e importación de varios produtos. Os barcos cargados de madeira que saíran de Foz cara Andalucía traían nas súas bodegas, no viaxe de volta, viños desa zona. Un exemplo disto vémolo na denuncia que formulaba o cura de San Martiño, Bartolomeu Palmeiro, o 2 de novembro de 1566, contra o veciño de Santa Cilla, André Rodríguez “diciendo que, teniendo tres botas de Andalucía en el lugar do Escairo, llenas de vino de Andalucía, el referido Andrés Rodríguez, llevó una de sus pipas, incurriendo en grave delito”(Cal Pardo, 1992:366).

Agora poderíamos falar do porto de Foz no século XVII e a súa vinculación coa caza da balea, que tamén tivo a súa importancia, pero iso, iso xa é outra historia.