Xul 30, 2026 | Foz ao día, Novas

O goberno de Foz leva a pleno a aprobación dunha nova addenda do convenio entre o Concello e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, para aumentar a 35 as prazas do programa Xantar na Casa e mellorar, deste xeito, a calidade de vida e autonomía das persoas maiores ou dependentes nos seus propios fogares. Despois da aprobación definitiva do orzamento municipal do ano 2026, no que se incluíu un incremento da partida orzamentaria, lévase a pleno esta mellora do servizo para poder aplicalo canto antes, dada a demanda existente. O programa Xantar na casa é un servizo que o Concello de Foz ofrece os seus veciños e veciñas para garantir e reforzar unha mellor atención asistencial ós maiores nos seus domicilios. “Con esta addenda incrementarase o número de prazas de 20 a 35, eliminando totalmente a lista de agarda xestionada polos Servizos Sociais Municipais. É un programa cofinanciado pola Xunta de Galicia, que asume o 46,66%, o Concello de Foz achega o 26,67% e o 26,67% restante a cargo do usuario”, explica a concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo.

A edil destaca: “a través deste programa queremos mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas beneficiarias, garantindo menús equilibrados e saudables, adaptados nutricionalmente ó propio usuario. O noso obxectivo é dar cobertura a persoas maiores de 60 anos, dependentes, con mobilidade reducida ou en situación de vulnerabilidade, para que poidan vivir nos seus fogares con total autonomía e retardar así unha posible institucionalización. Con este servizo reforzamos o apoio as familias, aliviándolles a carga de traballo e dándolles respiro. É un servizo fundamental que cubre todas as necesidades nutricionais, evitando o deterioro na calidade de vida dos nosos maiores, dado que moitas das veces teñen unha dieta inadecuada nutricionalmente”.

Ana Rojo explica ademais que Xantar na Casa “é un servizo de comidas con reparto a domicilio, con dietas específicas adaptadas as patoloxías do propio usuario. Os menús son transportados en vehículos isotermo, sistema que asegura que os alimentos non sufran variacións térmicas nin se rompa a cadea de frío, mantendo a temperatura óptima e garantindo así a máxima seguridade alimentaria. Os menús están preparados e listos para refrixerar, quentar e consumir no momento. Cada comida diaria consta de tres pratos: un primeiro, un segundo e sobremesa. O reparto realízase un día á semana (os mércores) para cubrir os sete días da semana. Entréganse en barquetas que están perfectamente seladas e etiquetadas, coa data de caducidade e identificados todos os ingredientes de cada bandexiña. Todo o proceso de elaboración e transporte cumpre cos controles máis rigorosos e as normativas sanitarias vixentes de seguridade alimentaria. No caso de que a persoa beneficiaria non dispoña dos electrodomésticos necesarios (neveira ou microondas) o Consorcio Galego da Xunta de Galicia facilita o préstamo de un ou ámbolos dous electrodomésticos de forma gratuíta”.

“Asinamos o convenio inicial do Xantar na Casa en agosto do 19 e comezamos o servizo na primavera do ano 2020, con 10 usuarios. Despois do anterior incremento, agora chegaremos a 35 fogares. A demanda e a lista de agarda deste servizo é un indicador claro de que funciona e de que debemos apostar por reforzalo. O Concello de Foz fai un esforzo moi importante por mellorar o benestar das nosas veciñas e veciños, especialmente dos máis vulnerables: é o que nos move”, indica o alcalde, Fran Cajoto.

As persoas interesadas que desexen acceder as prazas vacantes poden tramitar a súa solicitude directamente no departamento de Servizos Sociais do Concello de Foz ou poden recibir máis información a través do teléfono 982.13.35.66 da mesma delegación.