Xuñ 26, 2026 | Foz ao día, Novas

O Concello de Foz únese á reivindicación do Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+, “reafirmando o noso compromiso coa diversidade e a igualdade real”, anuncia a concelleira de Igualdade, Ana Rojo, que engade: “como cada ano, o Concello de Foz tingue coas cores do arco iris o balcón da Casa do Concello e do resto dos edificios institucionais, coas bandeiras identitarias, símbolo do colectivo LGTBIQA+, bandeiras que penderán das fachadas ata o remate do mes de xuño, conxuntamente co acendido das luces que iluminarán a fachada da Casa do Concello a modo de celebración e símbolo do colectivo, que se conmemora este 28 de xuño”.

Ademais Ana Rojo salienta: “queremos destacar a nosa meta de construír un concello libre de discriminacións por xénero ou por orientación sexual, onde caben todas as realidades, rompendo estereotipos culturais e sociais; apoiando dende o Concello, con asesoramento psicolóxico e social aos que sufran discriminación, potenciando a importancia de que os espazos públicos sexan reflexo de tolerancia, de liberdade, e de respecto mutuo”.  

A delegación de Cultura súmase á reivindicación dos dereitos do colectivo, e dende a Biblioteca Municipal, como ven sendo costume, ponse a disposición unha mostra bibliográfica “coa que poden descubrirse historias que celebran a diversidade, o respecto e a igualdade; libros para comprender, compartir e construír unha sociedade máis inclusiva”, explica a concelleira Inés López. 

O Concello de Foz, dende a Concellería de Igualdade, reafirma “o seu compromiso cos dereitos humanos, a igualdade e a visibilidade deste colectivo, co obxectivo de consolidar o municipio como un espazo seguro, de respecto, de diversidade e libre de discriminacións, reivindicando a igualdade real, por unha sociedade libre de toda discriminación, con total respecto a identidade de xénero e a diversidade afectivo sexual. Invitamos á cidadanía á reflexión e ó compromiso que temos como sociedade, tratando de educar facendo fincapé nas xeracións máis novas sobre a importancia da inclusión e do respecto polos dereitos de todas as persoas”.