O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo onte, mércores, unha reunión de traballo en Santiago coa nova presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana Rey. Na xuntanza, na que se trataron temas de gran relevancia como a dragaxe do peirao de Foz, a reversión de terreos portuarios ao Concello, a ampliación do peirao de Porto Chico ou a conservación do firme da explanada portuaria, estiveron tamén presentes a primeira tenente de alcalde, Inés López Couto, e o xefe da Zona Norte – Lugo de Portos, Antonio Fernández.
Dragaxe e ampliación de Porto Chico.
Portos de Galicia encargou o proxecto construtivo da dragaxe do porto de Foz en setembro do ano 2025, no que se prevé investir 1 millón de euros nunha actuación inicial e outras tres de mantemento durante catro anos. “Trasladáronnos que para sacar a licitación do contrato están pendentes de recibir as autorizacións de navegación e de verquido. Sobre a ampliación do peirao e modificación da bocana de Porto Chico, aproveitamos para expoñerlle á presidenta o traballo da Asociación A Ribeira ao respecto e a demandarlle a contratación do anteproxecto e estudo de impacto ambiental para que o proxecto, cando menos, se inicie”, declarou o alcalde de Foz.
Transferencia de terreos da explanada portuaria.
Portos de Galicia, despois de declarar a innecesariedade para usos portuarios da explanada entre o Clube Kayak e a piscina municipal, iniciou o proceso de reversión dos terreos, no que intervén o Servizo de Costas dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica. “O 22 de xuño deste ano mantiven unha reunión de traballo en Coruña co Xefe da Demarcación de Costas de Galicia Carlos Gil co mismo obxectivo: axilizar a transferencia de terreos ao Concello. Coñecidos os trámites que fixo Portos no verán do 25 ao respecto, esperamos poder axilizar o proceso para poder ordenar definitivamente os usos e delimitar e xestionar o estacionamento de autocaravanas: que teña un retorno para a administración pola ocupación do espazo. Tamén tratamos a necesidade, ante a demora do proceso de reversión, de poder xestionar o cobro polo uso do punto de auga e de descarga de augas negras, cuestión que tratará Portos cos seus servizos xurídicos”, informa o rexedor municipal.
Conservación de viais e da explanada portuaria.
Ante o mal estado xeralizado do firme dos viais e da explanada portuaria, este foi outro punto da reunión. “Aínda sendo responsabilidade do ente autonómico, imos explorar unha vía de colaboración entre administracións porque urxe, e moito, arranxar os viais da explanada portuaria, que se encontran en pésimo estado. Acordamos facer de novo unha solicitude formal para definir ese convenio de colaboración”, declara Fran Cajoto.
Edificio da depuradora actual e fábrica de xeo
“É coñecida a nosa demanda de conservar o edificio da actual depuradora de augas residuais -que está previsto demoler unha vez se poña en funcionamento a nova EDAR para servizos municipais. Portos de Galicia comprometeuse a estudar a viabilidade xurídica de conservar o edificio, que sería importante para o Concello de Foz. Tamén tratamos a posibilidade de facer algo similar coa fábrica de xeo, que conta cun proxecto de demolición pendente de executar. En calquera caso, reiteramos a necesidade de conservar o mural das pescantinas de Xosé Vizoso, de cuxo traslado e reubicación se faría o cargo o Concello de Foz ante a posible demolición do edificio”, explica Cajoto.
Ademais o alcalde de Foz agradece a reunión á presidenta, “a cordialidade e a dilixencia en convocala despois da nosa solicitude. Tratamos cuestións de enorme relevancia para Foz e aproveitamos para invitala a visitar canto antes o noso Concello. Como proxecto a medio prazo, tamén quixemos expoñerlle a necesidade de que Portos de Galicia execute unha inversión de calado no espazo que vai a continuar sendo da súa titularidade, fronte ás casetas, de xeito similar á actuación que se rematou recentemente en Porto do Son”.
