O Concello de Foz renovará o céspede artificial e o rego automático do Campo de Fútbol Municipal de Malates por un importe de 315.071,39 euros. A maior porcentaxe do investimento corresponde ao subministro e colocación dunha nova superficie de xogo de céspede artificial -260.332 euros- e a un novo sistema de rego con aspersores emerxentes -21.382 euros-.
A inversión será financiada pola Deputación de Lugo -250.000 euros- e polo Concello de Foz -65.071,39 euros- en base a un convenio que foi aprobado na Xunta de Goberno Local da Deputación deste venres, 24 de outubro.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, agradece á Deputación de Lugo e ao seu presidente, José Tomé, o apoio da institución ao Concello: “quero darlle as grazas ao presidente da Deputación por esta mellora do campo de fútbol, que non sería posible sen o apoio da Deputación de Lugo. Unha inversión que vai a posibilitar ter unha superficie de xogo da máis alta calidade, xa que a actual presenta un deterioro moi importante. O campo de Malates é moi utilizado polas asociacións deportivas de Foz, especialmente pola AD Santiago de Foz, CD Foz e Club Atletismo Ría de Foz. Creo que vai a ser unha mellora moi importante para todas elas”.
Fran Cajoto engade: “o 5 de marzo reunímonos co Partido Popular de Foz e solicitáronnos esta inversión para poder facilitar a licitación do ciclo integral da auga. Nós accedemos ao solicitado -petición moi razoable- e cumprimos o acordado, como se demostrou no día de hoxe. A aportación municipal -65.000 euros- será sufragada contra un suplemento de crédito que están preparando os servizos municipais.”
Por outra parte, onte, xoves, celebrouse a última mesa de contratación do ciclo integral da auga, na que acordou propoñer ao pleno como adxudicataria do servizo á empresa Sociedad de Fomento Agrícola Castellonense, S.A. (FACSA), que obtivo a mellor puntuación. FACSA na actualidade xestiona o sistema de abastecemento da Zona Costeira Occidental de Asturias, que inclúe a Navia, Coaña, Villayón, El Franco, Tapia, Castropol e Vegadeo, a EDAR de Cudillero ou os colectores de Ferrol. “Onte mantiven unha reunión técnica co técnico redactor dos pregos e os concelleiros de todos os grupos políticos para informalos da proposta de adxudicación e da próxima celebración dun pleno extraordinario para a adxudicación definitiva do contrato, co obxectivo de que inversións tan necesarias e importantes como a mellora das plantas potabilizadoras de Fazouro e Cordido, a renovación da tubaxe de fibrocemento en Forxán e a de distintas conducións en todo o Concello se poidan facer á maior brevidade posible”, remata o alcalde
Pola súa banda, o voceiro do PP, Javier Jorge Castiñeira, pronunciouse sobre as melloras no campo de fútbol municipal de Malates: “dende o Partido Popular estamos moi satisfeitos por esta boa nova, porque isto significa que unha proposta nosa, que era poder renovar o céspede artificial do campo de fútbol de Malates, poderase levar adiante mediante un convenio coa Deputación de Lugo, que vai financiar gran parte desta inversión, e outra parte o propio Concello. Foi unha proposta que nós levamos a pleno no seu día, en novembro do ano 2024, precisamente a petición da Escola de Fútbol Santiago de Foz, do Club Deportivo de Foz, dos veteranos e tamén do Club de Atletismo Ría de Foz, que son os usuarios que nos estaban dicindo que as condicións do céspede eran moi malas, perigosas, tiñan furados e zonas descosidas que podían causar lesións. A primeira oportunidade que tivemos de negociación así llo puxemos encima da mesa ao señor alcalde, neste caso foi por desbloquear o ciclo da auga; a primeira opción era rebaixar as tarifas, pero o alcalde non a accedeu e para ter a abstención do Partido Popular que permitía ese desbloqueo pedimos unha obra, que é esta que se vai a facer agora. E polo tanto estamos contentos; e con isto tamén se demostra que estamos a levar unha oposición en positivo. Cando nos deixaron facer algunha proposta na negociación conseguimos unha boa inversión para mellorar o deporte focense”.
Castiñeira engadiu que “en contraste está a xestión do BNG, que no seu momento foi socio do goberno durante seis anos e apenas conseguiron inversións en temas deportivos, que era precisamente unha das súas áreas”.
“O Partido Popular está satisfeito e esperamos que canto antes se saque a licitación, para que estas novas inversións estean para polo menos iniciar a próxima temporada con ese novo céspede de última xeración e o poidan disfrutar todos os deportistas de todos eses clubs, que están facendo un traballo estupendo, especialmente as súas directivas”, rematou o voceiro do PP.

