O Concello de Foz inicia o expediente para a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para as festas do Carme da vila.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que “as festas do Carme de Foz son, con diferenza, as que teñen unha maior emoción e sentimento para os veciños da vila. Os festexos que teñen o seu día grande o 16 de xullo son a celebración máis representativa do amor ao mar que se profesa na vila”.
Inés López Couto considera que “as festas do Carme recollen os requisitos necesarios para este nomeamento. Teñen unha longa historia en Foz, un arraigo na poboación sobradamente coñecido, xa que a implicación en cada un dos actos que se realiza é total; unha enorme singularidade xa que unha virxe tan bonita e cunha imaxe tan grande non sae en procesión marítima, sae nun percorrido de varios quilómetros polas rúas do pobo a hombros. E, sobre todo, teñen un enorme valor cultural pola realización das alfombras, entre outros elementos representativos. Todo isto fai que milleiros de visitantes se acheguen a Foz e non só compartan a festa senón que tamén axuden nas alfombras ou queiran participar dos actos relixiosos”.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, engade: “comezamos este traballo conscientes do merecemento desta festa, do traballo enorme dos veciños porque cada ano sexa máis bonita ca o anterior. É tamén unha forma de agradecer o traballo de todos os que participan dela, da Cofradía Mar de Foz, das comisións de festas que ao longo dos anos se encargaron da súa organización, dos alfombristas e de todos os colaboradores que fan que sexa posible”.
O concelleiro de Alumeado Público, Ángel Fernández Neira, anuncia: “a inauguración do mural do edificio de Telefónica é a primeira pedra coa que queremos homenaxear a tradición mariñeira, xunto á labrega, deste municipio. Para o que tamén iluminaremos as letras de Foz coas cores da bandeira do noso pobo”.
E a edil de Cultura finaliza: “un amor ao mar que nos une e co que comezaremos a traballar para que nos vindeiros meses esta declaración sexa posible”.

