Xul 10, 2026 | Foz ao día, Novas

O CONCELLO DE FOZ CONSOLIDA O SERVIZO DE MADRUGADORES DOS COLEXIOS PÚBLICOS CUNHA LIÑA DE SUBVENCIÓN ÁS ANPAS DE 13.500 EUROS.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e a concelleira de Educación, Elena Martínez Pena, mantiveron unha reunión de traballo coas ANPAS dos colexios públicos Fondo Nois, CEIP Número 1 e O Cantel para informalas da aposta do Concello pola consolidación do servizo de Madrugadores nos colexios públicos para “facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo unha atención educativa e segura ao alumnado antes do inicio da xornada lectiva, proporcionando un espazo de acollida adaptado ás súas necesidades”.

O Concello de Foz incluíu por primeira vez nos orzamentos, dentro das subvencións nominativas, unha achega de  4.500 euros a cada ANPA “para que o servizo sexa asequible para todas e todos”.

A concelleira de Educación explicou: “promovemos esta reunión para traballar con antelación suficiente antes do inicio do curso escolar. As ANPAS están a facer un traballo importantísimo, xestionando un servizo que permite conciliar as responsabilidades familiares coa actividade laboral, facilitando a vida diaria a moitas persoas. Na reunión abordamos a parte administrativa e os trámites que conleva unha subvención. Trasladáronnos tamén outras necesidades: teño que dicir que as tres asociacións de nais e pais están moi implicadas na mellora das condicións dos seus centros educativos e no Concello van a encontrar sempre apoio”.

O alcalde de, Foz Fran Cajoto, tivo tamén un recordo para Héctor Moris, concelleiro de Educación a comezos da primeira lexislatura do seu mandato: “pola lexítima demanda e o esforzo das ANPAS e grazas ao compromiso de Héctor Moris, iniciouse a colaboración do Concello de Foz co servizo de madrugadores nos tres colexios públicos. Eu mesmo levei tamén un tempo a carteira e teño que dicir que con este modelo, que nos recomendou a Secretaría, vamos consolidar un servizo que consideramos fundamental e que incluímos sempre no noso programa”.

O rexedor municipal engade que “o financiamento debería partir da Xunta de Galicia, titular de Educación, pero non está a apostar por este servizo. Tamén demandamos, despois das necesarias inversións nos colexios Fondo Nois e CEIP Nº 1, que a Xunta invista en necesidades urxentes do CEIP O Cantel, que conta cunha marquesiña en moi mal estado de conservación”.