Abr 23, 2026 | Foz ao día, Novas

O Concello de Foz mantén o seu pulso inversor na cultura municipal. Para celebrar este 23 de abril realizáronse múltiples actividades que continuarán nos vindeiros días “para seguir apostando por un acceso á cultura dende a administración pública”, indica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.

Este mércores a biblioteca municipal organizou a representación Agasallo das árbores, con Cris de Caldas, e “o salón de actos estivo cheo de rapazada para ver unha función de contos con concienciación medioambiental e sobre a igualdade”, explica Inés López Couto, que engade: “cremos nunha cultura accesible para todos, por iso tentamos achegar a Foz múltiples actividades que enriquezan a nosa xa prolífica actividade cultural local.”

Ademáis a biblioteca organiza visitas escolares. “Agradecemos enormemente o interese dos centros escolares en que os máis pequenos coñezan as posibilidades que lles ofrece a biblioteca municipal. Neste caso o Colexio do Pilar achégouse para facer unha hora de lectura na biblioteca Salgado Toimil e os nenos desfrutaron moito desta visita na que tamén puideron participar coa radio municipal”, destaca a concelleira, que ademais anuncia; “tamén se leva a cabo na biblioteca a presentación do libro A faba e nós, de Alberto Serantes, unha actividade realizada en colaboración coa UNED polo que terá unha difusión a través das canles da dixitais da universidade a distancia. E a semana que vén será o turno dun clásico da literatura hispánica como é o Lázaro de Tormes, coa compañía malagueña Pata Teatro que será unha función escolar pola mañá pero do que poderá desfrutar o público en xeral ás 20.30 horas na Sala Bahía”.

E o alcalde, Fran Cajoto, sinala que “a cultura é esencial para a cidadanía: unha política na que cremos que a administración pública debe investir para que os cidadáns poidan acceder a ela de forma sinxela, polo que este goberno continuará traballando en que isto sexa posible en Foz porque é prioritario”.