Xuñ 5, 2026 | Foz ao día, Novas

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, xunto ao segundo tenente de alcalde Ángel Fernández Neira, recibiron hoxe, venres, na casa consistorial ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; á subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López; e ao xefe provincial de Costas en funcións, Carlos Gil. Mantiveron unha reunión de traballo na que se tratou a próxima licitación da fase 1 das obras de retranqueo do paseo da praia de Arealonga, por importe de 300.965 euros e un prazo de execución de 6 meses, así como os últimos tŕámites pendentes de resolver para a aprobación definitiva da fase 2, cunha actuación dotada con 272.517 euros que consistirá na restitución do paso na cala de San Pedro en Cangas, cortado por mor dos derrubes sufridos no ano 2024. Na reunión tratáronse outros temas, como a análise que está a facer Costas respecto aos danos estruturais da ponte de madeira da Ronqueira, no paseo entre Rapadoira e Llas -agora cortado ao tráfico- ou unha futura área recreativa na praia da Areoura, unha vez demolidos os esqueletos dos antigos chalés, así como o avance dos trámites de reversión dos terreos do peirao que está a tramitar Portos de Galicia. 

O alcalde de Foz valorou a visita dunha forma moi positiva: “mantivemos unha reunión de traballo moi construtiva e achegámonos ao paseo de Arealonga, onde se van a acondicionar camiños municipais para o tránsito peonil, dándolle continuidade ao paseo despois dos derrubes acaecidos preto do Castro de Fazouro. Estamos moi agradecidos porque investimentos de Costas como o paseo Peizás -Pampillosa, a ampliación do paseo na Rapadoira, a adecuación da Tamaniña ou do portiño de Nois son moi valoradas polas veciñas e veciños”.