Out 6, 2026 | Foz ao día, Novas

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, felicitouse este luns co anuncio da Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia da licitación das obras de mellora da intersección da Nacional 642 coa estrada a LU-152 a Ferreira do Valadouro, na Corredoira, por un importe de 511.617,26 euros.

O rexedor municipal de Foz lembrou que “a mellora da intersección da estrada da Costa coa carretera a Ferreira na Corredoira é o segundo compromiso que fixo Isabel Pardo de Vera, anterior secretaria de Estado de Transportes na visita que fixera a Foz en xaneiro do ano 2023. O primeiro dos compromisos, as rotondas de Cangas, estase a executar actualmente e rematará este ano. O segundo, a mellora da intersección coa estrada LU-152 a Ferreira na Corredoira, frutifica con esta licitación das obras. E o terceiro, o acceso central a Foz, ten o proxecto redactado e está pendente de publicar no BOE”.

Fran Cajoto destaca que “a mellora da intersección da estrada Nacional 642 coa autonómica LU-152 é unha forte demanda das veciñas e dos veciños especialmente das parroquias de Vilaronte, de San Martiño, de Santa Cilla e de Santo Acisclo porque en tempo de verán, pola intensidade do tráfico, incorporarse á estrada Nacional cara a Foz pode supoñer un retraso de 15 ou 20 minutos. Por iso esta é unha obra moi demandada e moi necesaria. Será unha realidade despois de todos os trámites porque a primeira publicación no BOE do proxecto de trazado data do mes de abril do ano 2023, a publicación no BOE da aprobación definitiva do proxecto de trazado, de xaneiro do ano 2024; e agora, en outubro do 2026, iníciase ese procedemento de contratación para que a mellora deste cruce sexa unha realidade”.  

“Continuamos traballando para ese terceiro acceso e tamén para que unha infraestrutura tan demandada polas veciñas e veciños de Foz e de toda a comarca como é a futura autovía A-74 sexa unha realidade”, rematou o alcalde de Foz.