Xuñ 1, 2026 | Foz ao día, Novas

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, agradece á Deputación de Lugo e á súa presidenta, Carmela López, o seu compromiso con Foz, a raíz da aprobación na Xunta de Goberno Local de Deputación deste venres dun proxecto de inversión de 250.000 euros en rúas e estradas da localidade que son titularidade da Deputación.

“Con este proxecto imos renovar por completo o firme das rúas Eduardo Pondal, Noriega Varela e rúa do Porto. Estes traballos veñen a completar as actuacións xa executadas nas rúas Concello de Cervo, Alfonso X ou Irmandiños. Vamos contar con nova sinalización e mellorar a seguridade das nenas e nenos cunha beirarrúa máis ampla na entrada principal do Colexio Nº 1 e un paso de peóns elevado no entorno do centro escolar”, destaca o alcalde, que engade: “son rúas cun firme en mal estado e o proxecto contempla actuacións adicionais como a reposición de bordos das beirarrúas deteriorados ou unha rede de sumidoiros en Eduardo Pondal, no entorno do colexio, que carecía deles.”

O rexedor municipal anuncia tamén outras actuacións: “En Marzán, nas rúas Vicedo e Xove, vaise fresar e repoñer o firme en 120 metros que están en mal estado. Tamén se van facer reparacións puntuais no barrio de Río, en San Martiño -na estrada á Basílica-, en 90 metros da LU-P-2007 en Nois – onde tamén se van a dispoñer barreiras de seguridade no entorno da capela das Flores-, no inicio da estrada de Vilaronte á Espiñeira e na LU-P-2013 tamén en Nois, onde se van a renovar 450 metros de firme en mal estado. As actuacións contemplan a mellora de sinalización, con ata 20 quilómetros de marcas viarias”.