Nov 28, 2023 | Bitácora Focega

O CEMITERIO DE FOZ. UN NACEMENTO COMPLICADO.

Se ben nun principio a xente era soterrada dentro da igrexa, este espazo fíxose cada vez máis pequeno para levar a cabo as inhumacións dentro da parroquial. Si a isto lle sumamos que había que agardar un período de cinco anos para poder retirar os restos óseos e poder volver a ocupar a sepultura podemos comprender a necesidade que había dun espazo onde soterrar.

Pero, como soe acontecer, incluso no soterramento había diferenzas pola posición económica dos falecidos.

En San Martiño de Mondoñedo, no ano 1540, lévase a cabo un apeo de bens (relación de propiedades) para descubrir cantOs e cales lle pertencían ao cabido de Mondoñedo. Nas declaracións das testemuñas podemos ver a diferenza económica á hora de elixir un lugar para soterrarse dentro da igrexa “el señor Vasco Lopez de Rio mando dos ducados e seys çientos maravedies por su sepultura syendo como era el mas princypal de la dicha feligresia (…) e dize que algunos que se mandan enterrar en la claustra que no pagan syno çinco blancas e un dinero por cada sepultura que estas son del capellan o sacristan ynsolidum”. Polo tanto, canto máis preto do altar maior, maior é o pago a realizar. Pagaban moito menos os que eran soterrados no claustro (saíndo pola porta principal á esquerda, hoxe existe un muro que nos impide acceder); pero, como hoxe tamén acontece, sempre hai alguén que non pode pagar nada e para eses, no San Martiño de 1540, reservábaselles o terreo situado despois da porta principal “bio alli sepulturas e guesos de finados cabo del espiño a donde fazen la audiencia y arriba cabo de la puerta principal cabo de la cerdeira”.

Podemos dicir que en 1540 se soterraba a case todo o mundo dentro da igrexa de San Martiño? Pois non, non podemos dicir iso. A combinación de falta de espazo e o elevado pago a realizar pola sepultura provoca que na actualidade de 1540 se diga “oy abra treynta anos, poco mas o menos que en el dicho monesterio no sepultavan sino pocas personas y que pedian a dozientos marabedis y a quatro cientos reales por la sepultura o que dexaba un tarreo e heredad para el dicho monesterio por su sepultura”.

No caso particular da igrexa de Foz, nun primeiro intre sotérrase dentro dela, posteriormente pásase a soterrar no adro para, no século XVIII, construír un camposanto a carón da igrexa, que estivo funcionando ata principios do XX, momento en que se decide trasladalo a outro lugar. A idea, compartida, é aplaudida por todas as forzas vivas da parroquia; o problema xorde cando se sinala o Castro como lugar elixido.

Os dous homes máis poderosos do Foz dese momento, Eliseo Martínez Pillado e Xosé Reimunde Acevedo (alcalde nese intre), chocan co tema da ubicación do cemiterio parroquial.

Na prensa partidaria da postura de don Eliseo, aparecen noticias a ese respecto “Merece aplauso que se haga un cementerio para que desaparezca de entre las casas el actual; pero si la higiene aconseja esta innovación, no es el Castro el sitio que debiera elegirse para emplazar dicho cementerio.

Los vientos aquí reinantes del Noroeste debieran indicar al ayuntamiento que el lugar más propio para enterramientos está por el lado de la Garita” (La Voz de Mondoñedo.1905, 19 de agosto).

Don Eliseo, opinaba que o Castro (Castro de Arriba ou Pico do Castro, en contraposición co castro de abaixo, situado ao final da praia de Llás e coñecido como o Cu do Castro) non era o lugar óptimo pois a profundidade o terreo tan só alcanzaba os 35 centímetros ata chegar a rocha firme; ademais diso no Castro había uns pozos de auga potable dos que se nutría a vila de Foz, por iso coidaba que poderían darse filtracións dos cadáveres ás augas das que bebía a vila.

Fose, polas razóns que fose, o concello continua coa construción do cemiterio no lugar elixido; por esta razón recibe dende o goberno civil de Lugo un escrito (recollido na acta municipal do 24 de zullo) relativo á prohibición “de la construcción del nuevo cementerio en la Veiga del Castro de Abajo, y se designe otro terreno que reuna mejores condiciones” (Boletín Oficial Da Provincia De Lugo. 1906, 10 de agosto).

Unha vez lido o oficio remitido polo gobernador, a corporación municipal acorda remitir un informe, non ao gobernador, senón a unha institución de maior importancia, o Ministerio de Gobernación.

Vexamos o que alegaba o concello. Para eles, e tal como recolle o regulamento municipal, existía un prazo de 30 días para poder protestar contra o proxecto do cemiterio, pero o señor Eliseo Martínez realizou a súa protesta 16 días despois de rematar o mes dado de prazo. Ademais diso, a reclamación non se realiza no concello, tal e como estipula o regulamento municipal, senón que o fai, directamente, ante o gobernador. Xa só por estas dúas razóns debería ser desestimado o escrito de don Eliseo. Aparte dos prazos caducados afirman que non entenden a razón pola cal se enfronta á decisión tomada polo concello, porque el estaba alí cando foron elixir o lugar “y porque hasta acompañó al párroco a fijar el sitio, mostrándose conforme con que no había otro mejor que el que después eligió la Junta de Sanidad”.

Así mesmo coidan, que polo aceleramento á hora de mandar o escrito, o señor Eliseo Martínez erra no lugar de localización “pues no es verdad que se hubiese fijado en la Veiga del Castro de Abajo, sino en la de Arriba, a unos 40 metros de elevación sobre el nivel del mar”.

Sobre a titularidade do cemiterio dísenos, na alegación municipal, que a obra tiña un coste de 3.000 pesetas “y que la ejecuta la Iglesia por su cuenta, sin auxilio pecuniario del municipio”.

Din tamén no escrito que si o gobernador visitase Foz vería como a xunta de sanidade, o concello e pobo están de acordo con esa localización  e que os reclamantes que figuran no escrito contrario “a quienes llamó Martínez para su casa, es fácil que ni siquiera se hubiesen enterado de lo que han firmado”.

Ademais alega que o criterio seguido por este concello para construír o cemiterio “es el que se ha seguido para construir los cementerios de San Miguel de Reinante, Rinlo, Lorenzana” e como nesas construcións non houbo problema algún, tampouco debería habelo no caso de Foz.

O concello de Foz decide, tal e como se recolle na acta municipal do 13 de marzo, enviar un escrito, esta vez ao gobernador provincial, no que se pode ler “que no es posible designar otro sitio igual ni semejante al elegido por la Junta de Sanidad, declarado como el mejor por cuatro médicos, incluso el subdelegado de medicina, y tenido por insustituible por los colindantes y por el pueblo entero… que está demostrado en el plano, y una simple operación aritmética lo comprueba, que pueden verificarse enterramientos durante más de 30 años sin remover las cenizas; que el punto de emplazamiento se halla a bastante distancia de las casas, sin que nadie que conozca Foz pueda decir con verdad que haya otro tan equidistante de todas ellas … que los facultativos no responden de la salud pública si permanece abierto el actual cementerio durante el verano, pues no se le oculta este peligro, por hallarse la tierra impermeable y no haber un solo espacio libre para verificar enterramientos” (Boletín Oficial Da Provincia De Lugo.1906, 19 de abril).

O día un de setembro o xornal La Voz de Mondoñedo sacaba un artigo contrario ao cemiterio de Foz, no que se laiaban da actitude dos párrocos que non se opoñían ao lugar elixido; esta falta de oposición costoulle ao párroco de Foz a súa destitución do cargo por parte do bispo. Alegaba o xornalista que de situar o cemiterio onde o sitúan, a carón de onde estaban “los pozos que surten de agua a la mayoría de aquel vecindario” co paso do tempo vai provocar filtracións de restos mortais nos pozos, o que provocaría “que dentro de poco tiempo se bebiesen en Foz cadáveres disueltos”( La Voz de Mondoñedo.1906, 1 de setembro).

A construción do cemiterio levouse a cabo, pero non podemos imaxinalo como o vemos hoxe en día, temos que pensar nun espazo bastante máis reducido, con muros altos e febles que acabarán caendo.

No mitin político de Felipe Lazcano en Foz (1920), antes de falar foi precedido por Fernández Mato, quen, entre outras lindezas contra o caciquismo di “el cementerio está hoy convertido en montón de escombros, por haber caido sus paredes, sirviendo su terreno de pastizal muchas veces a los animales” (La Voz de Mondoñedo.1920, 9 de decembro).

A prensa serviu para loitar, tanto por un lado como por outro. Así vimos como La Voz de Mondoñedo era contraria, mentres que noutros periódicos vemos aparecer artigos a favor do alcalde Xosé Reimunde e da situación do novo cemiterio. En 1924 (1 de outubro), o xornal madrileño El Globo sacaba un artigo firmado por Xosé Posada Blanco e titulado “Cementerio”. Este veciño de Vilaxoane, máis coñecido co nome de “Pepe da Corredoira”, non se corta, nada, nin á hora de defender o peche con muros do cemiterio como á hora de atacar á persoa a quen considera responsable desa situación, a don Eliseo Martínez.

Deixemos que sexa o señor Posada quen nolo conte coas súas propias palabras  “es el caso que en el pueblo de Foz, provincia de Lugo, se hizo, o mejor dicho, reempezó a hacerse un cementerio, hasta la fecha no concluido de cerrar, sino en parte con una simple valla de maderas y en parte con tapia, a trozos deteriorada y por la que pueden entrar hasta los perros de aquellos lugares, con sus naturales y posibles consecuencias… La causa que el cementerio, lugar sagrado, esté todavía sin cerrar, parece ser el capricho de un señor del pueblo, don Eliseo Martínez, que no sólo en ocasiones se opuso mas o menos directamente a reparaciones parciales, sino que compró un terreno que no pudiendo completarse, siquiera un poco, su área, fuera aún menos dable el cerrarlo”.

Para darlle solución ao problema do peche, o señor Posada, coidaba que era necesaria a creación dunha comisión, composta por catro veciños, co fin de falar con “don Eliseo y le proponga la compra del terreno que sea preciso para cerrarlo; su coste se haga a cargo de una pequeña cuota por vecino, que creo que pagarán con gusto, y el resto, o sea todo lo que faltare, la pagaría yo mismo, tengo en él enterrado a los seres más queridos. Tenga el señor don Eliseo un poco de piedad; tenga en cuenta que su gran posición social humanamente y cristianamente le obligan a algo, sobre todo tratándose de convecinos y paisanos, que además son, casi en su mayoría, sus arrendatarios, que le pagan más de tres mil fanegas cada año”.

Sobre don Eliseo chega a afirmar, extralimitándose e nunha actitude que hoxe en día sería punible, que se fixera con montes comunais, que pasaron a figurar como propios del, operación que tivo un valor dunhas catrocentas mil pesetas.

Non será ata o ano 1946 en que vexamos novas reformas no cemiterio parroquial; esta vez trátase da construción dun camiño municipal dende a “plazuela al Cementerio”, estase a referir á actual praza Salgado Toimil e ás rúas Antón Vilar Ponte e Costa do Castro.

Tres anos despois, en 1949, levábanse a cabo xestións, realizadas polo alcalde, Francisco Maañón, e o párroco Amador Puente Martínez, co veciño Xosé Antón García Marful “al objeto de que accediese en venta una parte de la finca de su propiedad, sita en la Veiga de Castro de Arriba, a fin de cerrar con muro de piedra el cementerio de esta parroquia en línea recta con el otro trozo que ya está construido” (Acta municipal. 1949, 24 de maio). Mais non será ata un ano despois, en xuño de 1950, cando se chegue ao acordo de pagarlle a este veciño a cantidade de 4.000 pesetas polo terreo necesario para poder pechar o cemiterio “y se le deje el terreno necesario para el emplazamiento de un nicho a dicho interesado” (Acta municipal. 1950, 27 de xuño).

En 1951 recibe o derradeiro elemento que configurará o aspecto do cemiterio ata a súa recente ampliación, a porta. Nese ano lévanse a cabo na igrexa parroquial obras de reedificación da liña do muro do adro, quitando a antiga porta de ferro da entrada ao adro da igrexa “el actual portalón será colocado como puerta de entrada principal en el Cementerio nuevo. La nueva entrada al atrio de la iglesia se hará frente a la puerta principal de la misma con puertas de hierro y la balaustrada se acomodará al desnivel de la calle todo el ancho de la iglesia y en el resto del atrio y según proyecto presentado” (Acta municipal. 1951, 5 de xullo).

A modo de conclusión podemos afirmar que a teoría mantida por don Eliseo, das filtracións nos acuíferos focegos, non se produce e que o espazo destinado a camposanto foi suficiente durante todo o século XX.

Por tanto, esa lenda que se mantén en Foz de que Eliseo Martínez non quería o cemiterio nese lugar porque o vía dende a súa casa seméllanos máis próximo á lenda urbana que á realidade histórica. Ou non….