O Concello de Foz licita, a través do procedemento aberto de contratación, a renovación e mellora do acceso ao IES de Foz, das rúas Jesús Nazareno, do Mar, Concello de Cervo e a substitución da rede de abastecemento de Alfredo Brañas por un importe de 372.366, 33 euros, con cargo ao Plan Deputación 2025. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 23 de outubro.
O alcalde, Fran Cajoto, destaca que se trata de “obras moi demandadas polas veciñas e veciños, que se integran no proceso de renovación de servizos e mellora do firme e accesibilidade que se está a desenvolver no casco urbano de Foz, dentro do Plan de Mobilidade aprobado en marzo do ano 2022”.
O rexedor municipal explica que “unha das principais prioridades é mellorar a accesibilidade ao instituto de Foz, para que os autobuses poidan parar en condicións de seguridade para todos os alumnos. Por iso cremos importante investir algo máis de 117.000 euros nunha obra que é fundamental para o IES de Foz, referente na comarca. No Campo da Cabana vanse executar obras por algo máis de 121.000 euros, centradas no firme da rúa do Mar e en renovar saneamento, abastecemento e mellora de firme na rúa Jesús Nazareno. Tamén imos substituír a rede de abastecemento en Alfredo Brañas e por un importe de 105.000 euros; e na rúa Concello de Cervo renovar a rede de fecais, dispoñer unha nova liña de pluviais e dispoñer un novo o firme”.
Estas obras completan a actuación de renovación integral que se está a executar na rúa Alfonso X, orzamentada en algo máis de 67.000 euros e que executa a empresa Construcciones Cazás SL. “Hoxe puiden comprobar coa contrata o avance da renovación de Alfonso X, que vai a bo ritmo. Contamos poder aglomerar o vial a vindeira semana ou a seguinte máis, en función da dispoñibilidade dos equipos”, destaca o alcalde

