Cada vez que temos que cruzar a desembocadura do río Masma empregamos unha das dúas pontes existentes no lugar da Espiñeira. A máis recente data de principios do século XXI e a “ponte vella” da segunda metade do século XIX.
Se preguntásemos aos veciños do lugar diríannos, sen dúbida algunha, que a primeira ponte que existiu neste lugar da Espiñeira é a de mediados do XIX, que con anterioridade existía unha barca para poder cruzar este río. Estas afirmacións baséanse tan só na memoria oral, pero se consultamos a documentación escrita dos séculos XVI, XVII e primeira metade do XVIII veremos como no lugar da Espiñeira había unha ponte, bastante máis antiga do que ata agora pensábamos.
Onde podemos situar esta primeira ponte da Espiñeira?
Inmediatamente despois de cruzar a ponte do XIX, en dirección Ribadeo, vemos unha estrada que nos leva ata o Pozo Mouro. Á nosa dereita quedará a finca A Goleta e uns almacéns abandonados a nosa esquerda; nese punto, metro máis ou menos, estaría a ponte orixinaria, construída en madeira.
Dende cando existía esa ponte?
A noticia máis antiga, documentalmente falando, data de fins do século XIV, pero coidamos que con anterioridade xa existía.
Parécenos innegable que despois do asentamento da Sé episcopal en San Martiño de Mondoñedo non tivese lugar a construción, ou ben reparación, da ponte da Espiñeira, xa que era vital para poñer en contacto a zona ribadense (cos seus portos) coa nova Sé, activa dende o 864 ata o 1117.
A desaparición da Sé, despois do seu traslado ao actual Mondoñedo, trouxo consigo o abandono no coidado da ponte, pero, seguiu no seu lugar.
No ano 1395 aparece a primeira referencia. Trátase dun documento, datado o 23 de marzo, no que podemos ler como Fernando Eanes e a súa dona, María Franca, veciños de Vilaronte, venden “a nossa vina que nos avemos enna dita villa de Vila Ioanne”. O importante desta carta, para nós, é onde foi redactada “feyta esta carta enna Marina de San Cosmede, açerca da Ponte da Espineyra”.
Sabemos da existencia dun camiño que unía Ribadeo con Viveiro e que empregaba para cruzar o Masma a ponte da Espiñeira. Aparece denominado como carreiro nun documento do 13 de maio de 1419. Nel o bispo mindoniense, don Xil Soutelo, aforaba a un matrimonio de San Cosme de Barreiros “todo o nosso terreo de herdade que jas en Escotajuros commo se departe da huna parte do Rego de Escotajugos et da outra parte do carreyro que ven de Ribadeu para a ponte da Espineyra”.
A finais do XV Pedro de Bolaño redacta unha carta foral a favor da súa filla, Leonor de Bolaño. Quería don Pedro que esta, para casar con don Afonso Vázquez de Cabarcos, recibise en dote: “todos los bienes rayzes e heredades(…) en la parte dellos que vos mas quisierdes que yo he e me pertenesçen aver desde la Puente de la Espiñeira e Mariñas de Bibero fasta la villa de Bibero”.
Ese carreiro que de Ribadeo chegaba á ponte da Espiñeira acabará converténdose, se non o era con anterioridade, nun camiño real, que na documentación do século XVI aparece baixo a denominación de “camiño francés”.
En 1536, na zona do Vilar (polígono industrial e comercial de Ribadeo) había unha finca coñecida como O Feal, que lindaba: “de la una parte en el Camino Real de Vilar que va de Ribadeo para la puente de la Espiñeira”.
Referencias a esta ponte atopámolas nun apeo de bens, realizado no ano 1589, da parroquia de San Cosme de Barreiros. Así na Veiga da Longara, menciónase unha herdade chamada As Pereiras, situada preto da fonte de Saa, que lindaba “en el Camino Frances que viene de la puente de la Espiñeira para Rivadeo”. Nesta mesma Veiga outra leira lindaba: “de la parte de arriva en el Camino publico frances, que va de la puente da Espiñeira para Rivadeo”.
Trátase da mesma ponte que aparece no testamento de Vasco López de Moscoso, veciño de San Martiño de Mondoñedo(22 de febreiro de 1531), no que deixaba cartos para reparos das pontes de Fazouro e da Espiñeira:” Yten mando para ayuda de adereçar el puente despyñeyra dos reales y otros dos reales para el de Fazouro”.
En 1540 realízase o apeo de bens de propiedades, pertencentes ao Cabido mindoniense, na parroquia de San Martiño, ao longo das súas páxinas atoparémonos con referencias á ponte da Espiñeira. Localizámolas na parroquia de Vilaronte: na Veiga de Cortiñas e na de Bouzas “topa de una parte en el camyno que va desde la yglesia de Seoane (a de Vilaronte) para la puente da Espiñeyra”. Tamén se localiza na Veiga das Pereiriñas “el camyno e comaro que va de Mejabor para Bilabor e de otra parte en el camyno que viene de la puente de la Espineyra para la dicha Yglesia de San Juan de Villaronte”.
Esta ponte unía o camiño que dende a Espiñeira chegaba ata San Martiño. No mesmo apeo vemos como na Veiga de Freixoeiro había unha finca que lindaba “en el camyno que va desde la puente da Espineyra para Villacendoy”. Tamén unía a poboación de Mañente co citado camiño, e así vemos como no lugar de Redondelo, sito en Mañente, había unha finca que lindaba “de una parte en el camyno que va de Manente para la puente da Espineyra”.
Roi Pérez, cura que fora de Foz e de 66 anos, menciona o lugar de Lavandeira, que linda con varias fincas, sendo unha delas a “que agora lieva Francisco Diaz de Volaño, de Cabarcos, que sera de un toledano de pan de senbradura, poco mas o menos, que topa en el camyno que va desde la casa del Dean para la puente da Espiñeyra”.
A ponte pertencía era de propiedade real (hoxe diríamos que era do Estado) recaendo no concello de Mondoñedo, como cabeza de provincia, a obriga de arranxala. En 1571 acorda o Consistorio mindoniense: “dar y pagar a Pedro de Artiaga, maestro de canteria, un ducado por dos dias que se ocupo en ir a ver lo hera nezesario para las puentes de la Espiñeira e de Fazouro e a Lazaro, oficial, que fue con el ocho reales”.
Esta ponte era necesaria non só para transitar e poder cruzar o Masma, senón que tamén operaba como porto, polo menos no século XVI e XVII. No ano 1575, o rexedor mindoniense Fernando Balea, atopándose en Viveiro, coa orde de conseguir gran para Mondoñedo, merca a Pedro Lodre (comerciante de Bravante, na Bretaña) a cantidade de 100 fanegas de centeo que envía por barco ata a ponte da Espiñeira, lugar no que sería descargado e transportado en carros ata a cidade episcopal: “que avia ydo a la villa de Vibero por mandado del consistorio a comprar çien anegas de çenteno a Pero de Lodre que es vesino de Bravante ques en tierra de Bretaña a catorze reales la anega, el qual la avia entregado a Lopo da Pena de Gradal para que lo traxiese a la puente da Espiñeira … quel pan que se entrego a los carreteros asi fueron”.
Xa no século XVII a estrutura da ponte ameazaba ruína: “el citado puente existía desde antiguo y estaba ruinoso en 1613, cuando una instrucción de la Junta del Reino de Galicia hace referencia a su necesaria reparación por ser el Camino Real de Asturias y Vizcaya”. Tamén no século XVII se empregaba a ponte como lugar de carga e descarga portuaria. Así vemos como en 1624 o cura párroco de Foz pagaba “quatro maravedis que se dieron a los hombres que fueron buscar la cal a la puente de la Espiñeira”. En 1631: “mas quatro reales de vellon de los cargaderos de la puente de la Espiñeira” e en 1665 , outros 4 marabedís “que se dieron a los hombres que fueron a buscar la cal a la puente de la Espineyra”[1].
Nun protocolo notarial, redactado o 5 de maio de 1711 na parroquia de Vilaronte, aparece a derradeira referencia a esta ponte. No citado documento aparece Dominga González, viúva de Xosé de Outeiro, ambos “moradores en el lugar da puente da Espiñeira”[2]. O problema desta referencia documental é que si ben é certo que ambos vivían no lugar da ponte da Espiñeira, moi ben podería suceder que xa non existise a ponte, senón que continuase vivo o seu topónimo. En Foz aínda se fala hoxe en día do lugar coñecido como O Campo da Cabana, nel existiu unha cabana construída polos baleeiros biscainos, pero iso non quere dicir, por moito que se aínda se empregue o termo, que siga existindo esa cabana.
O que si é certo é que entre finais de 1711 e con anterioridade a 1752 a ponte desaparece fisicamente empregando para cruzala un sistema de barcas, que non debía de ser moi eficaz pois o 17 de abril de 1771, en carta remitida ao goberno de España, solicitábase a creación dunha nova ponte: “que se fabrique y construia un Puente al sitio da Espiñeira donde ya lo hubiera de palo, segun se evidenciaba de sus bestigios con un Muelle en que se pudiesen recojer las Maderas que alli se conducian para obras de la Real Armada, a causa de ser preziso el mismo Puente, por ser el Camino Real y pasajero por donde transitan tropas, correos, conductas y marineros, que todos experimentan perjuicio en la detencion y pasaje de la Barca que hay en aquel sitio”.
Da barca e da ponte da Espiñeira que aparecerá na segunda metade do XIX ocuparémonos en posterior artigo.