O Concello de Foz, dende a Delegación de Muller e Igualdade coa colaboración da Deputación de Lugo, achega a Foz o espectáculo titulado Risas con Perspectiva Feminista. A actuación terá lugar na Casa da Cultura Manuel María este venres, día 15 de maio, ás 19:00 horas, con entrada de balde.
A concelleira Ana Rojo anuncia que “dentro da programación feminista que ven de lanzar a Deputación de Lugo, a Delegación de Muller de Foz acolle esta iniciativa, baixo un formato diferente de monólogos, cun humor comprometido, próximo é accesible, abordando cuestións e reflexións complexas, con outra perspectiva feminista. Historias reais e experiencias persoais contadas con humor e moita sátira; un espectáculo irreverente con enfoque crítico, unha proposta que vai máis alá do monólogo tradicional, combinando a través da comedia, o teatro e a música; invitando a reflexión sobre o papel da muller na sociedade actual, na educación e na cultura, a través dunha mirada crítica, linguaxe próximo e humor comprometido e terapéutico”.
Ana Rojo tamén explica que o espectáculo “está protagonizado por un dúo de artistas cómicas galegas: Jazmín Abuín e Arantxa Treus (Sobria e Serea. O Chou), dándolle un enfoque irreverente, mesturando monólogos con música e sátira, unha proposta que vai máis alá dos monólogos tradicionais. Por todo isto animamos ás veciñas e veciños a que se acheguen dispostos a pasar unha tarde de risas, desmontando prexuízos, con humor crítico, reflexionando sobre a igualdade de xénero e cuestionando o machismo dende o humor, con perspectiva feminista. A actuación dará comezo ás 19:00 e será ata 20.30 horas. Noventa minutos de risas, música e historias reais, coa participación dunha muller de referencia focega: dona Julia María López Neira (Julita da Pelola), que nos contará a súas vivencias, axudándonos a entender os logros acadados por xeracións de mulleres focegas, que loitaron e traballaron a reo nuns anos difíciles e de forte patriarcado. Por todas esas mulleres focegas que contribuíron a facer pobo esperámosvos o día 15 de maio para disfrutar do talento e do chou de Sobria e Serena. A entrada o evento será de balde”.



