Set 30, 2026 | Foz ao día, Novas

A concelleira de Inmigración en Foz, Ana Rojo, e representantes da entidade Bumei Galicia veñen de entregar os diplomas de dous cursos de formación de caixeira/repoñedora e de camareira de pisos do programa Emprega para mulleres inmigrantes. 

Ana Rojo, explica que “esta iniciativa desenvólvese en estreita colaboración coa asociación Bumei Mulleres Emprego e Inclusión, apoiada pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. No marco do programa Emprega, estas accións formativas levadas a cabo con éxito nos últimos meses están dirixidas de forma prioritaria a mulleres inmigrantes que residan no noso municipio, co obxectivo de dotalas de ferramentas que potencien a súa inclusión no mercado laboral, ademais de fomentar a súa autonomía socioeconómica. Durante o programa as participantes cursaron os módulos formativos de camareira de piso, orientado ó sector hoteleiro e hostaleiro; e de caixeira/repoñedora, orientado ó sector do comercio, supermercados e tendas locais. Ámbolos dous son moi demandados no tecido laboral do municipio e da comarca”. Ademais destaca “o esforzo e o compromiso das mulleres participantes, que tiveron que compaxinar en moitos dos casos as horas de formación coas cargas familiares, e cos traballos a tempo parcial”.

A edil de Inmigración en Foz salienta que este proxecto “combina esforzo e colaboración por parte da delegación de Benestar e Inmigración do Concello, sendo a educadora municipal quen avalía mediante un rigoroso proceso de entrevistas previas a situación socio laboral e o posterior informe con derivación a Entidade Bumei, sendo estas profesionais as responsables de impartir, titorizar e acompañar de forma integral as alumnas participantes, guiándoas durante todo o proceso formativo. Esta cooperación é posible grazas ó financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do programa Emprega, cunha liña de axudas cofinanciada a través do Fondo Social Europeo”. 

Ana Rojo remata comentando que o Concello de Foz “segue consolidando e impulsando políticas de inserción laboral, priorizando a igualdade de oportunidades e a integración real”.