Nov 10, 2023 | Bitácora Focega

Escribir sobre a figura do Mariscal resulta moi complexo, porque chegar ao cerne desta talla trae consigo unha enorme tarefa de quitar as incontables capas de pintura que se lle deron á figura. Capas dadas polos partidarios e defensores da súa figura, que elevan aos altares do martiroloxio nacionalista; ou as capas dadas polos contrarios, defensores da idea de que o Mariscal era un nobre de segunda orde que nunca pasou de ser un bandido e un criminal.

Non imos entrar no lameiro, non por medo a mancharnos senón porque daríalle a este traballo unha extensión que non queremos dar; pero cada un é libre (completamente) de pensar o que queira sobre esta figura tan mitificada.

Nós quedarémonos cos palabras escritas por Fernando Fulgosio na súa novela “Una mata de helecho en la costa de Málaga” (1869, p. 568)

           ¿Pagué yo alguno al Mariscal Pero Pardo de Cela, cuando me dio la libertad?

  • ¿Tú has sido cautivo del Mariscal –
  • Como tú, caí herido en sus manos; como a ti me asistieron en el castillo de la Frouseira, en Galicia, por orden de su señor… Ya sabes que el Mariscal es tan altanero con sus iguales y aun con los reyes… como blando, en general, con los que toma bajo su amparo.

Esa imaxe de suavidade coas persoas que toma baixo o seu mando esvaécese cando trata con inimigos, sexan da nobreza ou do pobo. No preito Tábera Fonseca (1525), dásenos unha visión bastante despectiva do Mariscal (tan despectiva como intencionada), pois amósannolo como unha persoa moi vingativa, con esa frase que lle fan dicir “enchede os carballos de vasalos” á que se lle responde “eu vivo dos vasalos, non dos carballos”.

Ao Mariscal débeselle a fundación do porto de Masma, que dito así soa, porque o é, moi esaxerado. O que Pardo de Cela leva a cabo é a apertura dun porto para a exportación de madeira, fóra do control impositivo existente nos portos de Viveiro ou Ribadeo. Antes de poder saír unha nave cargada de madeira deses portos tiña que aboar unha cantidade en concepto de impostos; pero de facer a carga no porto do Masma non debería ter que abonar nada, o que, aparte de convertelo en porto ilegal tamén o converte nun porto moi atrativo.

As denuncias de ambos portos ante os Reis Católicos provoca que estes lle envíen unha carta ao Mariscal na que se pode ler: “Vosotros,  por vuestra propia abtoridad e syn mi liçencia e mandado… avedes fecho e abyerto puertos nuevos e fecho carga e descarga de navios e barcas e fustas en la Masma e Vares a su grand agravio e perjuysio del puerto de dicha villa … e muy gran danno e menoscabo de las mis alcavalas e rentas e tributos reales … por que vos mando … que d’aqui adelante non fagades nin consyntades fazer el dicho cargo e descargo en los dichcos puertos de Masma e Vares que asy diz que nuevamente avedes abyerto” (Ferreira Priegue, 1988: 117, nota 244).

Outra imaxe, tamén moi intencionada, e a que transmite nas súas palabras o bispo de Mondoñedo, don Gonzalo Gutiérrez de Mantilla. O prelado escribía ao rei solicitando a devolución das xurisdicións eclesiásticas de Vilaronte e San Martiño, que, por mandato real, foran vendidas ao oidor Hernando Saavedra, do consello de Contaduría Maio da súa Maxestade, colaborador na Corte.

O bispo Mantilla, en 1595, alertaba ao rei do perigo que corría se o porto de Foz caía en mans, por venda, dos herdeiros do citado oidor, e alertábao coa lembranza daquel enfrontamento entre o poder real e o Mariscal “y de un puerto seguro para fortificarse, tener y recibir navios podrian llebantarse, pues no es cosa nueba. Se ha visto en tiempo del rey don Fernando y del emperador Carlos, visabuelo y abuelo de Vuesa Magestad, que en estos reinos se llebantaron bandos y hubo comunidades y esto procedio de que los señores se hallaban poderosos y tenian sus casas fuertes”. E aí é cando aparece a figura do noso protagonista, cando o bispo, lembrando os sucesos acontecidos había un século, di “y en este reino de Galicia el mariscal Pedro Pardo, Pedro Bolano y Pedro de Miranda, con solo tener el uno un penasco en un monte, a donde se acogia, y el otro un castillo en la ribera del rio Miranda y el otro una fortaleça tiraniçaban la tierra y no havia cosa segura”.

Do Mariscal díxosenos (e non imos entrar en si é, ou non, certo) que levaba, irregularmente, moitas propiedades do cabido de Mondoñedo; pero non so do cabido, pois o mosteiro de Vilanova de Lourenzá tamén lle cedera (voluntaria ou coacionadamente) certas propiedades. Así vemos como lle conceden “os lugares de Galgao e de Quende e Benbibre e que son do dito moesterio conto dos os vasalos et moradores en eles et con todo o sennorio çevil e criminal”. Como condición esíxenlle que “abedes de sair en defensa de nos, os suso ditos e de nosos subçesores e dos vasalos do dito moesterio”, isto acontecía o 25 de outubro de 1464.

Nesa mesma data dona Sabela de Castro, muller do Mariscal, recibía do mosteiro de Vilanova “o noso Çeleiro de Marinnaos que he do dito moesteiro con todos los vasalos e moradores nel e con todo o sennorio civil e creminal”. A razón deste aforamento debíase a actitude do Mariscal en favor do convento, ou así dicían os monxes “avedes feito e fasedes manter defenso a este dito moesteiro e a nos, los suso ditos, e entendemos que faredes eso mesmo de aquí en adeante”. Non sería tan mala a relación entre o Mariscal e o convento.

As tornas cambiaron co paso do tempo e o Mariscal pasou de ser aquela figura xunto á que se quería estar a un apestado do que se fuxía, e máis, se combatía.

No primeiro dos casos estaría García González, que o 10 de novembro de 1513 solicitaba executoria de fidalguía (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 42, 10). Neste tipo de documentación, para demostrar que se era fidalgo, levábanse varias testemuñas (fidalgas) que acreditaban que o demandante era fidalgo,  pero que tamén seu pai e avó o foran.

Na do mencionado García, veciño de San Pedro de Labrada, aparece declarando Pedro Grada, fidalgo, veciño de Labrada e de 80 anos, que afirma ter coñecido a García González había máis de 30 anos e que “despues lo vio venir por espacio de veynte años poco mas o menos con el mariscal Pedro Pardo de Çela, le servia como peon”.

Abundan máis os exemplos do segundo dos casos, dos que loitaron contra do Mariscal no cerco da Frouxeira.

Exemplos son os casos de Afonso Arias de Viladaide (San Cosme), que en 1488 preiteaba pola súa fidalguía, e do que aseguran que participara na toma da Frouxeira “otro sy dixo que savia que al tiempo (roto) Pedro Pardo en la fortaleza de (roto) Alonso Arias, quien contendia en el dicho pleito, fuera con ellos i sirviera en el cerco ciertas tenporadas fasta que se acavara el dicho çerco i que asimismo vio que en el tiempo donde Alonso Lopez de Haro,  que a la sazon era gobernador en el dicho Regno, llamara a estas gentes para el combate de Villa Juan que el dicho Alonso Arias, el viejo, padre del dicho Alonso Arias, fuera a servir al dicho combate con otros vecinos de la dicha feligresía de Sant Cosme” (Arq. Real Chanc. Valladolid. Pergameos, Caixa 3,1 1488, 5 de xuño).

Tamén está o caso de Diego Pérez, veciño de San Cosme de Barreiros, que preiteaba o 7 de xuño de 1496. Del dirá Fernando Pérez, fidalgo de Celeiro de Mariñaos, “que savia i viera este testigo que quando don Fernando de Acuña gobernador del dicho nuestro Regno de Gallizia toviera çercada la fortaleza de Froseyra donde estaba cercado el mariscal Pedro Pardo, que fuera el dicho Diego Perez en nuestro servicio al cerco de la dicha fortaleça servir en el dito cerco ciertas tenporadas”( Arq. Real Chanc. Valladolid. Pergameos, Caixa 19,6. 1496, 7 de xuño).

Ou o caso do fidalgo Fernando Basanta, quen no ano 1506 inicia preito para demostrar a súa fidalguía (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid, Sala de Fidalgos, caixa 465, 4). Mais non será ata o ano 1513 en que consiga unha executoria do preito sobre a súa fidalguía. (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid, Rexistro de executorias, caixa 284, 4).

Entre as testemuñas presentadas figura Xoán Mariño, un fidalgo de 80 anos e veciño de San Cosme de Barreiros. Na súa declaración afirma “oyera dezir que Juan Basanta, abuelo deste que contendia, avya ydo a la guerra de Aryza a servir como fijodalgo e a visto este testigo a este Fernan Basanta a servir a la guerra de Pena Flora (Frouxeira) con sus hermanos como fijo dalgo”.

Campeonato de loita medieval. Belmonte, 2014

Tamén está o caso de Alonso Vidal, fidalgo de Santa Cilla, que o 7 de xullo de 1508 solicitaba executoria de fidalguía. Nela alegaba que os seus antepasados foran fidalgos e que el acudira, “como ome fijodalgo a servir con los otros omes fijosdalgo de aquella tierra por mandado del governador al çerco de Villajuan i a pena Froxera”.

Da fidalguía do avó de Alonso Vidal, o fidalgo Alvar Alonso, fala Xoán de Losada, un fidalgo de 65 anos e natural de Romariz, do que di  “oyera descir por fama publica al mariscal Pedro Pardo i a Vasco Lopez de Rio i a Ruy Lorenço de Adelan i a otros de aquella tierra que eran mas antiguos que este testigo i desta que ellos avian conosçido al dicho Alvar Alonso i que fuera ome fijodalgo” (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 36, 2. 1508, 7 de xullo).

Rematamos esta relación, que é moito máis completa, co caso de Xoán de Luaces, veciño de Vilamor (Mondoñedo), preiteaba pola fidalguía, alegando, entre outras cousas, unha testemuña que “Viera al dicho Diego de Luaçes, padre deste que contiende yr a la guerra de Froxera i a la de Villa Juan donde fueran llamados los omes fijosdalgo del Regno de Galicia” (Arquivo da Real Chancelería de Valladolid. Pergameos, caixa 28, 12. 1510, 27 de abril).

Polo que puidemos ler nas declaracións das testemuñas o cerco do castelo da Frouxeira existiu, prolongándose no tempo en varias campañas.

Eses distintos ataques e defensas provocaron mortos e feridos. En honra dos primeiros o comandante das tropas asaltantes, Mudarra, funda na igrexa de San Martiño de Mondoñedo o altar de Santa Catarina “que hizo azer Mosieur Mudarra que tomo a Pena Frolseyra por su Alteza”. Como contrapartida a esta fundación ordenaba “que se dixesen en la dicha capilla e altar todos los lunys de cada mes el primero lunys de cada mes una misa cantada con su bigilia e responso por las animas de ciertos que murieron e se enterraron alli sobre el cerco de la dicha Frouseyra”.

No ano 2013 o profesor Eduardo Pardo de Guevara sacaba á luz un estudio acompañado dunha transcrición do testamento do Mariscal Pardo de Cela. Gracias a ese traballo sabemos que o Mariscal fora executado a principios do mes de outubro do ano 1483 e non o 17 de decembro, tal e como se pensaba ata agora.

Este interesante traballo sirve de base documental para a relación nominal de propiedades que agora sacamos.

Propiedades en San Martiño de Mondoñedo.

No testamento podemos ler a seguinte manda: “Yten desenbargo al monesterio de San Martinno de Mondonedo, los benefiçios de Abadin et Recaree et San Romao de Villaestrofe que yo lleve del dicho monesterio, et mando a mis herederos, so pena de mi maldiçion, que nunca los demanden”. Isto estanos a falar da devolución deses tres beneficios ao seu lexítimo dono, o mosteiro de San Martiño, o que, por outra banda, tamén nos informa de que, en certa medida, o Mariscal se apoderaba de propiedades pertencentes á igrexa.

Outra das mandas que fai referencia a San Martiño ten como protagonistas aos membros da familia Conde. Nela podemos ler: “yten desenbargo la casa de San Martinno a los hijos de Gonçalo Conde, et que me paguen çinco mill maravedis que me deben, et demanden dos mill a Lopo do Rio, que yo le tome de mas, que mande que se los diesen”. Resulta moi habitual poder ler nos testamentos como se reclaman débedas ou se informa aos herdeiros das débedas que se teñen contraídas.

Propiedades en Marzán.

Neste lugar o Mariscal posuía o casal de Marzán “Yten mando al dicho monesterio de San Martino dos reales o sesenta maravedis de cada un anno por lo meu casal et heredades de Marçan et que me digan de cada un ano una misa cantada el dia de San Pedro et en su altar”.

No apeo, realizado en 1540, e que se conserva no arquivo catedralicio de Mondoñedo, das  propiedades pertencentes ao mosteiro de San Martiño podemos ler que na declaración de Diego Carballal faise mención a que no Prado da Lama (Marzán) o mosteiro de San Martiño posuía un finca coñecida co nome de Os Fornos, que levaba catro choupíns, entre as súas lindes aparecen varios prados: “uno de Pero Mariño y en otro de Francisco Palmeiro que fue de la caseria del Mariscal e de otra parte en heredad de la caseria de Villamayor del dicho Cabildo”. Ven sendo a mesma que se menciona no testamento.

Nese mesmo apeo infórmasenos da extensión da referida casería “Que en la referida feligresia de San Martin tenia el Monasterio la Telleira, en que se hace la Teja, con heredades en la Veiga do cura, que esta en medio de la feligresia compuesta de 8 ò 10 tarreos de 10 o 12 choupines, con otras muchas heredades, con nombre de la casaria de Marzan, sitas en la Veiga de Lourido de llevar siete o ocho choupines de sembradura”.

Propiedades en Santa Cilla.

Yten desenbargo a Roy Basquez, canonigo, la parte del benefiçio que le cabe de Santa Çeçilia, de quel es clerigo, con el pan de oganno que le pertenesçe”. Volvemos a ver outra devolución de beneficios eclesiásticos que levaba o Mariscal.

Propiedades en Vilaxoane.

Yten mando a Gonçalbo Yannes, canonigo, lleve un tonel de vino que eu tenno en Bilajuane en satysfaçion de una meda que le tomey en Bilarmea, et le pido perdon por amor de Dios”. Aínda que poñemos propiedades nada nos fai pensar que ese tonel de viño proceda de viñas pertencentes ao Mariscal que estivesen sitas en Vilaxoane.

Aquí rematamos esta relación de cousas que non sabía sobre o Mariscal. Da cadea co que foi preso, e que recibiu o nome da Mariscala, ou do que dixo cando lle cortaron a cabeza xa falaremos noutro capítulo; porque iso, iso xa é outra historia.