Feb 23, 2024 | Foz ao día, Novas

A concelleira de Servizos Sociais deu a coñecer unha nova xuntanza para os nosos maiores, que se celebrará o vindeiro 2 de marzo na carpa sita na rúa Atalaia.

Unha homenaxe de recoñecemento a toda unha vida de traballo, en tempos difíciles de moitas carencias, nunhas circunstancias e nun contexto social que condicionaron moito a vida e o entorno máis próximo dos nosos maiores. É de destacar o papel que xogaron homes e mulleres focegas, de todas as parroquias en todos os ámbitos do pobo para contribuír a facer un Foz mellor. É reseñable o traballo das mulleres nas tarefas do fogar, ademais de coidadoras de pais, nais, avós, fillos e netos, colaborando de maneira activa na economía familiar, traballando nas labores do campo, gandería, na venta de peixe polas casas, e de forma temporal nas conserveiras, etcétera.

A nosa pretensión é recoñecerlles a toda unha xeración de fortes crenzas, a máis resiliente con diferenza, a súa valía é merecemento. Polo que foron, polo que son e por todo o que representan. Calquera sociedade estará máis desenvolvida canto máis respecta e coida os seus maiores.

Ata o día 26 poden inscribirse no Centro Social. Haberá un xantar gratuíto, servido polo catering Chao de Brea, ademais da actuación do grupo Nostalgia, e remataremos a tarde cun sorteo de agasallos e obsequios á dona e ao cabaleiro máis lonxevos desta xuntanza. Esperamos que disfruten desta tarde noite especial, pensada e organizada para todos eles, onde poderán fortalecer vínculos e forxar amizades.