Mar 20, 2026 | Foz ao día, Novas

O Cenima de Foz acollerá o día 2 de abril, xoves, desde as 10:00 horas unha xornada para conmemorar o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo.

Esta actividade está organizada por dúas nais focenses, Eva Fernández Rivas e Eva Rubiños López, que queren dar visibilidade a dita condición e explican: “formamos parte dunha sociedade cada vez máis plural, onde todos somos importantes e válidos e buscamos darlle visibilidade a unha parte da poboación que se esforza cada día por encaixar. Como non hai nada máis valioso que o coñecemento e a información veraz e coa finalidade de facer accesible a todo o mundo as estratexias necesarias para abordar, axudar e entender esta neurodiverxencia, nace esta iniciativa que se desenvolverá o xoves día 2 de abril as 10:00 da mañá no salón de actos do edificio do Cenima e que terá as 12:30 horas unha parada para uns cafés e petiscos para os asistentes e ponentes”.

Os relatores desta xornada son as terapeutas ocupacionais María Joao Pereira e Ángela Monelos, as logopedas Sara Vázquez e Yanira Aldariz, e Cristina Cao (mestra especialista en audición e linguaxe).

Esta iniciativa conta coa colaboración do Concello de Foz e a concelleira de Sanidade, Kathy Navarro, indica: “pareceunos de interese colaborar nesta xornada que dá visibilidade a un trastorno que afecta a unha de cada 100 persoas”.