O Concello de Foz, a través da Concellería de Servizos Sociais e Benestar Social, en colaboración co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vén de desenvolver un curso dentro do plan formativo, específico en Prevención de Riscos Laborais (PRL), para 19 auxiliares das 47 profesionais que compoñen o cadro de persoal do SAF de dependencia. As xornadas celebráronse na Delegación de Servizos Sociais.
A concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, explica que estas sesións “son impartidas por persoal técnico, nas que abordan de maneira eminente prácticas nos aspectos clave, como a mobilización segura nas persoas dependentes, a ergonomía, a prevención de riscos psicosociais, psicofísicos, etcétera. Coidar a unha persoa con dependencia comprende unha serie de atencións sobre todo nas persoas maiores. Co envellecemento estas persoas experimentan importantes cambios físicos, psíquicos, sociais, etcétera. Son estes cambios os que obrigan as auxiliares a adaptarse o seu ritmo de vida, axustándose de forma continuada as súas pautas de atención, e as súas rutinas diarias”.
Ana Rojo destaca que “o labor que desempeñan estas profesionais resulta fundamental, adaptando os coidados ás necesidades que van mudando diariamente a unha nova realidade. Este sector de asistencia domiciliaria é un dos principais servizos esenciais; falamos dun servizo de enorme magnitude para o noso Concello, no que 47 mulleres prestan servizo a 105 persoas nos seus fogares, nas nove parroquias de Foz. Por iso garantir a súa formación e seguridade laboral é para nós unha prioridade absoluta”.
Dende o Concello de Foz agradecen ó ISSGA da Consellería de Promoción e Igualdade a súa colaboración “facilitándonos a formación de toda a plantilla do Saf de dependencia. Queremos poñer en valor a profesionalidade das 47 traballadoras e a excelente coordinación da empresa porque non é doado cadrar quendas para formar o persoal sen alterar o servizo, garantindo así que todas as persoas usuarias seguirán recibindo os coidados sen verse afectados”.

