Mai 2, 2026 | Foz ao día, Novas

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, puxo en valor a mellora de firme dos camiños de Malates e Folgueiras, recentemente executada. Os traballos, orzamentados en 18.275 euros, forman parte do Plan Camiña Rural 2025-2026, que cun montante total de 75.967,43 euros está financiado nun 46% pola Unión Europea, nun 23% polo Concello de Foz, nun 22 % pola Xunta de Galicia e nun 9% polo Ministerio de Agricultura.
Nunha visita conxunta acompañado da conselleira de Medio Rural, María José Gómez, o alcalde de Foz destacou que “con cargo a este plan arranxáronse a finais do 2025 os camiños de Outeiro e Abidueiras, en Santo Acisclo, e aglomerouse un camiño no Chao, en Santa Cilla. Ademais a semana próxima vaise a levar a cabo o aglomerado do camiño de Casas Novas, en Fazouro, para o que hai reservada unha partida de 12.792 euros”.
Outras melloras de camiños e rúas
O Concello de Foz está pendente das autorizacións sectoriais do Plan Deputación 2026 e da resolución do Plan Camiña Rural 2026-2027 para licitar un investimento de 396.000 euros para a mellora de camiños das parroquias.
Ademais, “unha vez rematado o prazo de presentación de ofertas, nos vindeiros días vaise a celebrar a mesa de contratación para a adxudicación da licitación aberta para a mellora do firme das rúas Atalaia e Uxío Novoneyra, cun investimento de 50.000 euros con cargo a un convenio asinado coa Deputación de Lugo o pasado ano”, anuncia Fran Cajoto, que engade: “seguimos traballando na mellora das infraestruturas da zona rural. Con 100 quilómetros cadrados de superficie e 3.545 habitantes fóra do casco urbano a importancia das parroquias no Concello de Foz é máis que relevante”.