Out 30, 2025 | Foz ao día, Novas

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, xunto aos concelleiros de goberno Inés López Couto, Ángel Fernández, Elena Martínez e Kathy Navarro, os voceiros da oposición e outros membros da corporación, recibiron este mércores nas obras da nova EDAR en Forxán á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, ao director de Augas de Galicia Roi Fernández, ao delegado territorial da Xunta, Javier Arias: e á parlamentaria autonómica Lara Méndez. Na visita ás obras participaron técnicos e representantes da dirección de obra e das construtoras que están a realizar os traballos. Durante o acto púxose en valor a construción da nova EDAR, cun investimento total estimado de 14,2 millóns de euros financiados nun 80% pola Unión Europea a través de fondos FEDER e un 20% con fondos propios de Augas de Galicia. 

“Durante a visita ás instalacións o director de obra e os técnicos da UTE construtora marcaron o 2026 como data de finalización das obras. Na actualidade está rematada a nova canalización de impulsión desde o peirao de Foz e están en execución as obras do tanque de tormentas do Porto de Foz e as instalacións da nova depuradora en Forxán. Quedan pendentes de inicio as obras do tanque de tormentas da praia de Llas, que evitará vertidos a esta praia, e o novo colector de desaugue, que se afasta da costa 500 metros”, explico o alcalde de Foz, Fran Cajoto, que engade: “máis alá dos números, este é un proxecto colectivo, de todos. Dunha gran complexidade, supón un esforzo maiúsculo para coidar e manter limpa a nosa ría, de gran interese natural e paisaxístico, zona LIC e ZEPA. Unha infraestrutura destas características traspasa mandatos electorais e obriga a traballar de forma conxunta goberne quen goberne. No ano 2008 o alcalde José María García Rivera dispoñía xa dun proxecto -neste caso en Peizás- para a nova depuradora polo compromiso do conselleiro de Medio Ambiente da época, Manuel Vázquez. No 2016 Javier Jorge Castiñeira asina o convenio para a construción da depuradora, orzamentada naquel momento en 8 millóns de euros e cun prazo de finalización no ano 2020. No ano 2022, xa sendo eu alcalde, adxudícase a redacción do novo proxecto construtivo e a execución das obras, en xullo do 2023 o Concello de Foz expropia os terreos necesarios e en abril do 2024 comezan as obras.  O ciclo integral da auga é prioritario e o novo contrato de concesión, pendente de elevar a pleno, vainos a permitir investir máis de 3,5 millóns de euros no abastecemento e saneamento, que xunto coa depuración son as tres patas que conforman a xestión de este recurso tan escaso”. 

“Queremos seguir colaborando coa Xunta, por iso lle demandamos á administración autonómica que, tomando como exemplo a depuradora, traballemos para, despois de 20 anos, construír de novo vivenda social en Foz. Vivenda de aluguer social con prezo asequible, máis necesaria ca nunca despois dunha suba de prezos nos alugueiros de máis do 50% nos últimos tres anos. É o que nos demandan as veciñas e veciños e debemos estar á altura”, comentou Fran Cajoto.

E o alcalde rematou agradecendo a todos os que posibilitaron esta infraestrutura e especialmente ao director da obra e aos técnicos e traballadores da asistencia técnica e da contrata: “hai que destacar e recoñecer o gran traballo que se está a levar a cabo. Compatibilizamos unha obra de gran complexidade técnica, que discorre polo medio da vila, interferindo o mínimo posible a vida cotiá do pobo e dos seus veciños. É de agradecer este bo facer”.