Nov 7, 2025 | Foz ao día, Novas

O Concello de Foz abriu ao tráfico esta semana unha nova vía nas Lagoas (As Torres), no que investiu case 68.000 euros procedentes do Plan Deputación 2024. A nova rúa, que se asenta sobre un camiño público existente e terreos cedidos ao Concello, serve de saída ao estacionamento das Torres e conta tamén cunha ampla zona peonil. “Esta era unha zona sen iluminación, chea de lixo e sucidade. Agora abrimos un amplo paso peonil, ben iluminado, que conecta coa senda peonil á praia de Llas. É unha rúa de sentido único, que facilita o acceso ás vivendas da zona e unha saída máis cómoda para os vehículos que estacionan nas Torres. Cremos que é unha mellora moi importante para os veciños da zona”, indica o alcalde, Fran Cajoto.

O Concello de Foz tamén reabriu ao tráfico a rúa Alfonso X, que mudou de sentido de circulación, e renovou o firme en Alfredo Brañas. “Investimos 100.000 euros grazas a un convenio coa Deputación de Lugo na mellora do firme de Alfredo Brañas e na renovación completa de Alfonso X, con nova rede de pluviais, fecais e abastecemento. Actuamos no importante: no que se ve, pero tamén no que non se ve. Quero felicitar á construtora pola axilidade e a boa execución dos traballos”, destaca o rexedor municipal.

Novas contratacións

Ademais Concello de Foz está a rematar a contratación da renovación de distintos viais, con cargo ao Plan Deputación 2025.  Do proceso de licitación aberto a empresa mellor valorada resultou OVISA Pavimentos y Obras SLU, cunha oferta de 373.815 euros. O proxecto comprende a mellora de accesos ao IES de Foz, por 117.000 euros; a mellora de firme na Rúa do Mar e a renovación de Jesús Nazareno, por 121.000 euros; a renovación de abastecemento en Alfredo Brañas; e por un importe de 105.000 euros a mellora da rúa Concello de Cervo, con nova rede de pluviais e fecais.