O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo unha reunión de traballo este pasado xoves co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e coa subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, xuntanza na que estiveron presentes varios concelleiros do goberno municipal. No encontro trataron asuntos como melloras en comunicacións e outros temas de interese para o municipio.
“Comezamos o 2026 como rematamos o 2025, traballando”, declarou o alcalde de Foz, que engadiu: “quero agradecerlle ao delegado do Goberno a empatía cos proxectos que ten Foz en marcha e á subdelegada en Lugo o especial interese para impulsar un concello coma o noso, que medra de forma sostida en poboación e economía. Foi unha reunión de traballo moi interesante, produtiva”.
Fran Cajoto explicou que “no tocante ás estradas do Estado, tratáronse as rotondas de Cangas, que están contratadas e pendentes de executar a corresponde á intersección coa estrada LU-162 a Ferreira por mor do retranqueo dunhas canalizacións; a mellora da intersección coa LU-152 -publicada no BOE no 2024- e o novo acceso Foz Centro desde a variante. Tamén se abordou a necesidade de avanzar na construción da autovía A-74 para vertebrar a comarca da Mariña. No referente a ADIF, falouse do contrato de 1,34 millóns de euros para o proxecto e obra de sostemento da vía na praia de Arealonga en Fazouro, adxudicado hai escasos tres meses. Tamén se tratou de novo a posibilidade de construción dun paso peonil para dar servizo á estación de tren de Foz, así como a posibilidade de novos usos e melloras nesta e outras estacións. No tocante aos proxectos en marcha da Dirección Xeral da Costa e o Mar, tratouse entre outros proxectos a publicación da fase 1 e fase 2 do retranqueo dos paseos de Cangas -cala de San Pedro- e Arealonga -Fazouro- publicados no BOE a finais do pasado mes de outubro. Tamén a demanda do Concello ao impulso de proxectos como a creación dunha área recreativa na Areoura e a conexión coa zona dos Castros en Cangas ou a execución da segunda fase do carril bici en Llas. Tamén se abordaron os trámites para a reversión dos terreos portuarios en desuso de Foz, dunha importancia estratéxica para o Concello, que contarán cunha reserva como Dominio Público Marítimo Terrestre na parte máis próxima ao borde do peirao”.
Vivenda
O alcalde de Foz engadiu: “expúxenlle ao delegado do Goberno e á subdelegada a decepcionante resposta que nos trasladou a conselleira de Vivenda da Xunta en sede parlamentaria, que rexeitou comprometerse a promover vivenda pública en Foz a pesar de ser unha competencia directa da Xunta segundo o Estatuto de Autonomía. Nin sequera quixo abordar un convenio no que o Concello aportara os terreos necesarios. A suba do prezo de aluguer e a nula promoción de vivenda pública por parte da Comunidade Autónoma é sen dúbida o principal problema que nos trasladan as veciñas e veciños de Foz. Pareceunos moi interesante a opción da nova Entidade Estatal de Vivenda e Solo, CASA47, do Goberno Central, presentada o pasado mes de decembro e que pretende manter un parque público de vivenda de aluguer -con duracións de ata 75 anos- a prezos asumibles. Imos traballar tamén nesta vía”.

