Xan 15, 2026 | Foz ao día, Novas

O vindeiro venres 16 de xaneiro ás 18.00h abrirase o prazo para reservar entradas para a cea de coroación do Rei do Entroido 2026, Dérek Pérez González, e as súas damas Laura Fanego Fernández e Cristina Otero Rodríguez.

Este ano como novidade substituese o correo electrónico por un formulario habilitado na web para este evento. O representante de cada mesa cubrirá os seus datos e enviará o listado cos membros da mesa. “Buscamos que sexa unha forma sinxela para anotarse e reservar as entradas, sen as longas colas que ser formaban antes” explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.

O evento, que será de novo na carpa situada na rúa Atalaia, na que xa se está colocando todo, será o vindeiro sábado 31 de xaneiro. O menú consta de empanada, sopa de cocido, costela asada, postre con viño, refresco, auga e chupito e tamén haberá menú sen glute. O prezo da tarxeta será de 30 euros e a cea estará amenizada por DJ Cosme de Eventec e o grupo Los Coleguitas.

As reservas serán confirmadas pola organización e poderán recollerse na Casa da Cultura os días 26 de 10.30h a 13.30h e de 17.30h a 19.00h e 27 de 17.30h a 19.30h.

A apertura de portas será as 21.00h para comezar ás 22.00h coa cea. A coroación será entorno á 1 da madrugada e tamén haberá actuación da batukada Kombarullo e da percusión Os Petapouco da comparsa Ruxe Ruxe. O prazo de reserva rematará o día 18 ás 23.59h.

“Ese día pola mañá as comparsas da vila, Sin Xeito, As Farangullas, Ruxe Ruxe, Maloserá e Trouleiras realizarán pasarrúas por diferentes rúas do pobo para animar a xornada.” explica o concelleiro de xuventude, Ángel Fernández Neira.

“Este é o inicio dun dos períodos do ano máis importantes para o concello e os seus habitantes. Así que agardamos que todo o mundo desfrute moito do Entroido de Foz” finaliza o alcalde, Fran Cajoto.

Formulario de reserva para a Coroación do Rei do Entroido de Foz 2026

AUTORIZACION MENORES-CONCELLO DE FOZ