O alcalde de Foz, Fran Cajoto, xunto á tenente de alcalde Inés López Couto e o concelleiro de Relacións Institucionais, Carlos García, desprazáronse este mércores ao Parlamento de Galicia para demandar vivenda pública para o concello, pero a Xunta “rexeita comprometerse á promoción de vivenda pública en Foz”, explicou o rexedor municipal.
A voceira do grupo parlamentario socialista, Lara Méndez, dirixiu esta tarde á conselleira de Vivenda esta pregunta: “Está en disposición a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para asinar un convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo e o Concello de Foz para edificar unha parcela adquirida polo Concello e dedicala a alugueiro social?”. Pero a conselleira de Vivenda “ata en dúas ocasións utilizou as palabras estudará e analizará para referirse á demanda de Foz dun convenio no que a Xunta constrúa vivenda pública de aluguer e o Concello aporte os terreos”, comentou Fran Cajoto.
O alcalde de Foz explica que “os datos do municipio son máis que positivos. Ano a ano medramos en poboación, o INE acaba de recoñecernos unha suba de 139 habitantes respecto ao ano pasado, ata as 10.415 persoas. Subiu tamén a renda media por habitante, pero o incremento no prezo da vivenda é moi superior á suba de salarios a pesar do aumento da construción. A vivenda en aluguer en Foz incrementouse en máis dun 50% dende setembro do ano 2022 e o mercado para aluguer convencional cada vez é máis reducido. No ano 2005, na época do bipartito, entregouse a última promoción de vivenda social, levamos máis de 20 anos sen política de vivenda pública no noso concello. Naquel momento o Concello de Foz puxera a disposición os terreos e a Xunta construíu as vivendas; queremos repetir esta fórmula, non podemos aceptar que a Xunta eluda as súas competencias e nos engane con créditos brandos sen intereses. Se a Xunta quere apostar pola vivenda pública e pensar na xente o Concello vai a facer os esforzos necesarios e poñer terreos a disposición. O contrario sería abandonar ás veciñas e veciños”.
Fran Cajoto engade: “somos un destino vacacional, tensionado, e a vivenda social é máis necesaria ca nunca. Somos o concello da comarca con máis demandantes de vivenda pública segundo a poboación -85 inscritos no rexistro do Instituto Galego de Vivenda e Solo a 3 de decembro de 2025-. O que queremos é superar a parálise e que a Xunta promova vivenda social en aluguer, tendo como ten a competencia exclusiva segundo o artigo 27 do Estatuto de Autonomía. Agora é o momento”.
O alcalde de Foz agradeceu á voceira socialista, Lara Méndez, “a comprensión coas necesidades do concello e o compromiso para demandar unha solución ao o principal problema dos focegos: a vivenda”.

