Feb 2, 2024 | Bitácora Focega

 

A primeira vez que escoitei falar do pirata Xoán García eu estaba comodamente sentado, mirando o meu reflexo nun amplo espello, mentres que un amigo, o perruqueiro Xoán Varela, me informaba de dúas cousas que resultaron ser importantes para min: Relatábame a historia dese pirata mentres me aconsellaba, seriamente, o emprego de vitaminas capilares para manter un pelo forte. Deste consello non votei man e por iso agora xa non teño pelo que cortar.

Mais, a historia do citado pirata quedoume ancorada no maxín, agardando a marea que permitise saír mar a fóra. E a marea chegou da man de Antonio Reigosa e o seu blog Galicia Encantada, no que relataba a lenda do pirata Xan de García. Deixemos que sexa el  mesmo quen nola conte:

Xan de García, que era dos das Casas Novas, Foz (Lugo), desapareceu e non se soubo máis del. Tempo despois unha fragata de tres mastros embarrancou fronte á capela de San Bartolo, concello de Barreiros (Lugo), do outro lado da ría, e alí quedou. Foron autoridades e xente ver que pasaba pero os do barco, que eran piratas, recibíronos con machetes e con paos.

No barco traían cabras e carneiros; unha das cabras non se quixo despedir do barco ata que o desfixeron. A madeira da embarcación empregouse na igrexa de Foz cando veu de párroco don Xosé Chao.

Canda os piratas viña unha señorita moi guapa e mais un capitán. A señorita veu á vila e Xan de García viña entre eles. El non o dixo, non se deu a coñecer, pero de noite tivo que andar arredor da que fora a súa casa pois en cada terra do seu pai atou un mollo para que se soubese que era el.

 E foi pola casa, pero falaba coma os piratas para que non o recoñecesen.
Os país dicían:

—¡Este parece o meu fillo!

Cando marcharon os piratas, Xan de García tamén se foi e non se volveu a saber máis del”.

A fonte bibliográfica que Antonio Reigosa emprega para falarnos desta lenda é a obra de Vicente Risco titulada “Etnografía. Cultura espiritual”, traballo incluso dentro da obra Historia de Galicia, I, dirixida por Ramón Otero Pedrayo e publicada por Akal, Madrid, 1979, páxinas 697-698 (información que Antonio nos facilita e nós lle agradecemos).

Esta lenda, que escoitara xa noutras ocasións, nunca me acabou de encaixar. Sei que no Foz actual viven persoas que aseguran ser parentes dese Xoán de García, non digo que iso sexa falso, pero, o que non me cadraba, de ningunha das maneiras, era a presenza de piratas en Foz.

Se  lemos paseniñamente esta entrada no blog de Antonio Reigosa empezamos a entender que estamos ante unha mestura dun feito histórico e os amecidos propios das narracións orais.

Desgaxemos a lenda.

O primeiro que nos sorprende é a mención ás Casas Novas, un termo moi propio do XIX focego e que define a dous lugares: O Campo da Cabana (que a finais do XIX aparece como Casas Novas, debido a número elevado de casas que se estaban a construír) e á zona próxima ao Colexio Martínez Otero (a parte máis antiga do colexio era a casa de Eliseo Martínez Pillado; se non estou errado, era a mesma na que nacera e na súa partida de nacemento (1842, 11 de agosto) podemos ler que o parto tivera lugar no barrio das Casas Novas).

Que o termo “Casas Novas” sexa propio do XIX fainos pensar nunha historia bastante máis antiga, unha historia que levaba vivindo bastante tempo na tradición oral focega antes de que lle chegara a Vicente Risco. Esta hipótese corrobórase cando se menciona ao párroco focego, Xosé Chao Fernández. Este home non puido facerse coa madeira do barco naufragado para o arranxo da igrexa, porque é sacerdote focego a finais do XIX.

Que relata a lenda? Un naufraxio, simplemente iso, un naufraxio na barra de Foz e que se produciron, con demasiada frecuencia, ao longo dos séculos XVIII, XIX e XX.

Si eu tivese que darlle a esta fermosa lenda unha pátina histórica diría que Xoán de García marcha de Foz por razóns descoñecidas (para evitar ir ao servizo militar, por ter débedas coa xustiza ou por ter embarazada a unha muller, entre outras moitas) e que volve nun buque de porte medio que naufraga na barra de Foz.

No relato lendario dísenos que Xan falaba como os piratas o que me leva a pensar en que podían ser estranxeiros (teñen naufragado barcos franceses e portugueses) ou españois (lembremos os naufraxios de barcos vascos e cataláns).

Se tivese que apostar, con amplo risco de erro, diría que se trata do naufraxio dun navío portugués (1796) ou, tal vez, do naufraxio do navío catalán (1763).

Quedaría por resolver porque son recibidos os homes e as mulleres de Foz que acoden a salvalos con machetes e paos polos membros da tripulación, pero se temos en conta como nos comportamos no naufraxio do barco catalán (na barra de Foz en 1763), no naufraxio dun quechemarín perseguido por corsarios (no Fazouro de 1799) ou no naufraxio de 1893 (en Cangas e Nois) entenderíamos o recibimento. Lembremos que neses tres naufraxios (e probablemente en outros máis) os verdadeiros piratas foron os salvadores, que roubaron todo o que puideron, chegando, incluso, a ameazar con matar á tripulación.

Por iso eu non coido que se tratase de piratas ou de corsarios. Tal vez, a súa aparición no relato se deba a que os corsarios abondaron polas nosas costas.

Que é un corsario? Un corsario é un pirata sen selo; permítanme que me explique.

A medida que España aumentaba os seus territorios facíase máis preciso a súa defensa, para levala a cabo era necesario contar cunha poderosa armada. Os homes que se vían obrigados a enrolarse nas embarcacións do rei, mediante o que se coñecía como Matrícula do Mar,  participaban en batallas navais, nas defensas dos convois procedentes de América ou no transporte de tropas a zonas de conflito; pero onde non participaban era na defensa das costas galegas, que era onde atacaban os corsarios ingleses ou franceses, dependendo de con quen estivésemos en guerra. A defensas das vilas galegas quedaba en mans municipais, protexéndose dentro das murallas e contando cos canóns (as que as tiñan, como era o caso de Ribadeo ou Viveiro) ou ben nos rogos a un Deus que moitas veces semellaba alleo aos problemas das terras bañadas polo mar.

Esta indefensión permite que os corsarios, tanto ingleses como franceses poidan campar ás súas anchas por estas costas.

Como os estados dedicaban a súa armada ás tarefas anteriormente citadas encargábanlle a tarefa de atacar ao comercio inimigo aos corsarios. Estes reciben o seu nome, corsarios,  polo documento que os autorizaba a poder atacar a barcos de nacións inimigas, o que se coñecía como Patente de Corso. Esta era expedida pola administración do rei por un tempo delimitado e para uns inimigos en concreto.

A historia do pirata Xoán García era para min unha mestura de varias historias como a persoal de Xoán García, a dos naufraxios tan habituais na barra focega e a da existencia de corsarios nestas costas.

Se algunha vez consultamos os libros de defunción da parroquia de Santiago de Foz veremos unha partida  que nos vai chamar a atención. Trátase da de Domingo López Bo, capitán dun barco de pesca de Cee que se viu perseguido por unha balandra corsaria inglesa. O citado capitán, para escapar da persecución corsaria, busca refuxio nun porto que, seguramente, coñecía e do que sabe que ten o calado suficiente para que poda entrar a súa lancha, pero non o navío. Co que non contou, o bo do capitán, é que os ingleses empregaron unha estrataxema bastante habitual, a de que cando, polo calado ou dificultades varias, o navío non se podía achegar soltaban varias lanchas que abordaban á presa. Así fixeron neste caso. As lanchas deron caza ao barco de Cee, obrigando á súa tripulación a volver a el, empregando para convencelos as culatas e varios disparos realizados polas súas armas. Unha vez a bordo tomaron, roubaron, se o preferimos, todo o que quixeron. Na operación foi ferido o citado Domingo López, que falecerá antes de que se lle podan dar os derradeiros sacramentos, un 28 de febreiro de 1762.

 

Existiu algunha vez o corsario Xoán García? Eu diría que non.

Así o cría eu, porque nin atopara dato algún relativo a armadores corsarios focegos e, moito menos, a capitáns corsarios do noso concello. Así o coidei bastante tempo ata que pasou o que non soe acontecer moitas veces; ata que apareceu algo.

Nas pescudas que o doutor Chema Leal Bóveda[1] está a facer nos notarios pontevedreses para documentar a presencia de corsarios, a autoría das armazóns e todo o relativo ao mundo do corso galego, atopou un protocolo que para moitos non signifique nada, pero que para nós, significa moito.

Trátase dunha protesta de mar que realiza ante un notario pontevedrés Pedro Petersen, natural de Dinamarca, capitán do bergantín A Ninfa do Mar. Este home alegaba que “el año pasado de mil setezientos noventa y siete se le apresò dicho buque, con su carga, que conducia de orden de los señores Clasen, Kix Khoefer y compañia de Amburgo, por el corsario del puerto de Bayona, de Galicia, nombrado Nuestra Señora del Carmen, alias el Galgo, su capitan don Juan Alonso, vecino del de Foz, subdelegacion de Rivadeo”.

Que fai un capitán corsario focego traballando para armadores de corso baioneses?

Supoñemos que Xoán Alonso adquiriu experiencia de combate mentres estivo enrolado na mariña de guerra e que, unha vez desembarcado, buscaríase a vida nun negocio tan lucrativo como era ir ao corso. Probablemente chegase a cargo de contramestre e, posteriormente, capitán, gañándose a fama de hábil corsario.

Será a súa fama o que o leve ata Baiona, pois, tal e como defende Leal Bóveda, os armadores que o contratan eran dos máis reputados do lugar. Era xente que buscaban resultados económicos favorables, para iso inverteran cartos no barco corsario, e por tanto contrataron ao mellor capitán corsario que puideron pagar.

Será este o auténtico “pirata Xoán”?

Iso é algo que nunca saberemos, ou non.

Nas liñas 9 e 10 aparece a referencia ao corsario Xoán Alonso, de Foz.

[1] Leal Bóveda, Xosé María(2024): Tese doutoral titulada “Pesca e salga na Galicia Cantábrica. De Cariño a Ribadeo (1752-1869). Con alusión ao século XVII”. A quen lle agradecemos que nos facilitase a súa lectura así como que nos proporcionase información relativa aos portos, salgas, conserveiras e barcos focegos.