Comentaba na prensa de 1974 o noso anterior cronista oficial (Suso do Bahía) que o ciclo festivo do concello de Foz tiña o seu inicio coa festa de San Brais e o seu fin coa de Santo Acisclo e non lle faltaba razón, no que a festas se refire, porque se falamos de romarías a primeira en celebrarse sería a do Bispo Santo.
Ao longo deste traballo, froito dunha primeira aproximación ao tema, queremos dar unha visión de como se celebraba a festa de San Brais.
A primeira pregunta á que debemos de dar resposta é saber da antigüidade desta festa. Dende cando se celebra o San Brais?
Moitos dos lectores estarán a pensar que dende o século XIX, tal vez, no XVIII e, os máis atrevidos, no XVII. Os que coiden isto quédanse un pouco cortos, porque, polo menos documentalmente, a festa debe de levarse ata o século XVI.
No ano 1997 (4 de febreiro. La Voz de Galicia) María Xosé Villarino, como presidenta da asociación organizadora da festa, confesaba que a ermida podíase datar xa no século XIV (do 1300 para diante). Descoñecemos de onde saca a información, pero supoñemos que debeu de dicir no século XVI, e a data aparecida na prensa se deba a un erro tipográfico.
A festa, con toda seguridade, comezaría a ter lugar no mesmo tempo en que se levanta a ermida dedicada a este santo en Vilaxoane. Sabemos, porque xa o temos escrito e publicado aquí, que esta fora levantada grazas ao diñeiro aportado por Fernando Saavedra. Home este que traballaba como oidor no Consello de Contas do Rei e con fortes raizames en San Martiño de Mondoñedo, de onde eran seus pais.
Cando levanta a ermida de San Brais? Non podemos, polo de agora, dar unha data concreta, pero podemos dicir que esa construción tivo lugar entre os anos 1569 e 1601.
Nese ano de 1569 redáctase (o día 10 de outubro) un documento relativo ás pezas de herdade e bens mercados polo Oidor Saavedra a varios propietarios; un deles era Lope Sánchez de Moscoso que residira na casa brasonada que aínda hoxe en día existe en Vilaxoane.
En toda a relación de bens mercados non hai referencia algunha á ermida de San Brais, a única ermida que se cita aparece cando se mencionan os bens mercados en Mourente, que lindan “de otra parte en otro camyno que ba de Mourente para la ermida de Agrelo”; gracias a esta información sabemos que a ermida do Bispo Santo xa existía antes de 1569.
En 1601, un 19 de setembro, outorgaba en Valladolid, onde residía, testamento o citado Oidor; nel podemos ler “Item declaro que yo tengo cierta ermita con su caliz al dicho reino de Galicia, una ermita de Nuestra Señora del Campo de Villajuan, la qual es mi voluntad se ynstituya una capellania para un capellan que me diga una misa perpetua por mi anima e de mis padres todo lo qual por orden e haga la dicha Leonor de Leyba mi muger a su disposicion e voluntad”.Para o mantemento económico desa capelanía deixaba o muíño que mercara en Mourente, “el molino de pan que yo tengo que llaman de Maria Vasanta e las tierras e vinas que tengo en el lugar de Moyrente para que el capellan que fuere nombrado por la dicha dona Leonor goze del dicho mi molino, tierras e vinas con que tal capellan sea obligado de dezir una misa e a tener una lampara delante de la dicha ymaxen de Nuestra Señora”. Non era esta a única igrexa que recibe esmolas “se den cinquenta ducados para la fabrica de la yglesia mayor de Santiago del lugar de Foz e otros cinquenta ducados para la ermita que llaman del Obispo Santo” (Arquivo Particular Condado de Fontao. Documentos séculos XVI e XVII) .
Polo tanto, con anterioridade a 1601 xa existía unha ermida no barrio de Vilaxoane coa advocación de (a falta de confirmación) Nosa Señora do Campo. Sería esta a advocación orixinaria da ermida? Hoxe en día non podemos responder a esa pregunta.
O que si podemos dicir é que no ano 1632 xa se veneraba a San Brais nesta capela de Vilaxoane e a súa reliquia, que se atopaba “dentro de la pared al lado del evangelio con una puerta de hierro y otra reja de hierro y esta dentro de una arquecilla forrada de nacar y claveteado de plata”(Arquivo Diocesano de Mondoñedo. Foz. Libro de inventario de bens. 1632, fol. 4). Estes últimos datos fannos pensar en que a advocación principal (ou unha delas) desta ermida debeu de ser a de San Brais. De ser a advocación orixinal a da Nosa Señora do Campo, seguramente a outra era á de San Brais, que foi a que prevaleceu ao longo do tempo.
Na visita pastoral, xirada polo bispo don Lois Tello Olivares no ano 1670 á parroquia de Santiago de Foz, xa se nos di que “en dicha feligresia ai una ermita de la avocacion del señor San Blas, que fundo el oidor Saavedra, de que es patron don Antonio de la Varrera; esta bien compuesta y decente”.
Cal era a reliquia que se conservaba de San Brais?
A esa pregunta responde o párroco de Foz, don Diego de Quindós, aló polo ano 1753, cando nos di que “y dentro hay otra caxa de plata en la que esta un pedazo de casco de la cabeza del Santo e yo no tengo la menor duda”.
Quen si o puxera en dúbida fora o bispo frei Antón Alexandre Sarmiento de Soutomaior, que xirando visita pastoral en 1729, mandara que o seu secretario, o mestre de escola mindoniense Vítor López Maseda, abrira a caixa onde se gardaba a reliquia e a amosase para estudala. Como non atopaban a chave da citada arqueta o bispo mandoulle ao secretario que forzase a pechadura, cando comezara co labor, o secretario “a vista del Ilustrisimo Obispo principió a asustarse y temblar de miedo, quedándose tan pálido como un panal de cera. El Obispo, en vista de todo ello, ha dicho se suspendiese el abrirlo, que sin duda no quería el Santo viesen su reliquia”. A continuación, e para previr males maiores, o bispo axeónllase diante da reliquia e comeza a rezarlle.
Quen narra isto era o párroco Diego de Quindós que llo oíra dicir a Francisco Antón de la Barrera (dono da casa grande de Vilaxoane), ao presbítero Agostiño Villapol e ao secretario Vítor Maseda, todos eles estiveran presentes. Este último aseguroulle “que fuera cierto y aun añadio que le pareciera estaba sin vista luego que la tomara en las manos”.
O mesmo párroco Quindós aseguraba que, en 1752, “era tal la devocion que ardia con San Blas, que con cualquier dolorcito que hubiese de garganta todos inviaban a buscar agua tocada con la reliquia”. Tal debía de ser o concurso de persoas que o dono da casa e da ermida, Brais de la Barrera, acabou tirando a chave da caixa que contiña a reliquia pola ventá ata as leiras que se estaban a traballar.
Ao ano seguinte, un home, dos que estaban a traballar a terra, tróuxolle a chave en perfecto estado. Brais de la Barrera entendeu iso como una sinal do Santo para que non impedise que os devotos tocasen a reliquia e así o fixo.
Nada volvemos a saber desta festividade (o que non quere dicir que non se celebrase) ata que no ano 1920, data na que podemos ler na prensa que esta festa se celebraba “mucho jaleio y concurrencia. La banda Do Val amenizó la clásica romería, que es la primera del año en aquel pintoresco pueblo”(El Progreso de Lugo. 1920, 5 de febreiro).
Un novo baleiro documental ata que no ano 1934 o veciño de Vilaxoane, Xosé Cabrera, solicitaba ao concello autorización “como encargado de la organización de los festejos cívico-religiosos que en honor de San Blas se celebrarán el día y noche del tres de febrero próximo y en la capilla del barrio de Villajuane y acompañando recibo de haber satisfecho los derechos correspondientes a la Sociedad de Autores”. O alcalde de Foz, Cándido Eijo Maseda, autorizaba “poder sacar la procesión religiosa por los sitios de costumbre después de la Misa de dicha fiesta” (Arquivo Municipal de Foz. Sección de Festas. 1934,30 de xaneiro).
Novo baleiro documental e nova aparición na prensa, esta vez no ano 1955, na que se daba conta que o día 3 se ía celebrar en Vilaxoane o San Brais “festividad que tantos fieles lleva a la capilla allí enclavada donde tendrá lugar la Santa Misa” (El Progreso de Lugo. 1955, 1 de febreiro)
Polo ano 1970 xa comezamos a ver a man de Suso do Bahía, na súa faceta de xornalista, na publicitación do San Brais “tendrá lugar la primera fiesta del año en Foz. El barrio de Villajuane celebra el San Blas, por cuya capilla desfilará ese día gran cantidad de devotos, para luego, en la parte profana, divertirse con la orquesta “Royalty-Melodía” (El Progreso de Lugo. 1970, 27 de xaneiro).
Tres anos despois volve a dar conta desta festa o noso citado Suso cando, ao falar dela, nos di que, entre outras cousas, “es tradicional pasar el pañuelo por el santo y luego por la garganta del creyente, que de esta forma, y acompañándose de una oración, pide al santo le proteja de las enfermedades de las que él es defensor. A la tarde, tras el bien yantar, las gentes se reúnen en el Salón de Corredoira, que en otros tiempos fue concurrida Sala de Fiesta y hoy sólo se abre para festejar al San Blas” (El Progreso de Lugo. 1973, 25 de xaneiro).
Na edición do seguinte ano, Suso, danos máis información do baile no salón da Corredoira. Dinos que os actos relixiosos ían ter lugar ás doce do mediodía e, pola tarde do día 3, un baile no local citado amenizado pola orquestra Maseda. Ao día seguinte, novo baile, esta vez a cargo da orquestra Trébol “que rematará con el baile de la escoba” (El Progreso de Lugo. 1974, 30 de xaneiro).
Para sufragar os gastos que ocasionaba a Festa de San Brais levábase a cabo un petitorio porta a porta, supoñemos que moitas veces o recadado non alcanzaba para facer fronte aos gastos, de aí que dende o ano 1982 ata o 1986 se organizase (moitas veces no Hotel Leitón) unha cea baile co gallo de recadar algún que outro diñeiro extra para a Festa.
Ao comezo da derradeira década do século XX a Festa de San Brais continuaba co seu esplendor, acudindo á ermida un bo número de romeiros, entre eles o alcalde focego Manuel María Neira, que aproveita a conxuntura para anunciar que as obras que se levaron a cabo na ermida (novo tellado, picado de cales e rehabilitación das peañas de cantería para as imaxes) tiveran un custo de 1.600.000 pesetas aos que contribuíra a Deputación de Lugo con 400.000. Eu, de ter sido alcalde, diría que o resto (ese millón duascentas mil pesetas) conseguírase gracias ás aportacións populares, que coido que ten máis mérito.
O xornal que recollía a información do alcalde Neira tamén daba conta que os actos do San Brais de Vilaxoane constaban de misa, procesión, “momento en que los fieles aprovecharon para postrarse ante el santo con su hogaza elaborada con masa, pasas y almendras pidiéndole salud para is y sus seres queridos” (La Voz de Galicia.1994, 4 de febreiro). Non podemos esquecer o poñer o santo tanto aos que acoden á ermida como aos veciños do barrio enfermos; ademais diso, as persoas encargadas da festa eran as que tamén tiñan a labor de “recorrer las casas de las personas imposibilitadas de la parroquia, para llevarles el pan bendecido”. Despois dos actos litúrxicos, e xa pola tardiña, no antigo baile da Corredoira, rebautizado como Xoíña, o habitual baile, con entrada gratuíta.
Descoñecemos (pero prometemos investigar) si nun principio cada persoa devota levaba o pan de San Brais, que elabora ela nas súa casa, ou ben o mercaban na ermida. O que si temos claro é que os organizadores da Festa viron enseguida, e con bos ollos, que a venda deses pans de San Brais podían axudar a paliar os gastos da festividade. En 1997 poñían á venda un millar destes pans, cantidade que resultou, completamente, insuficiente. Ao ano seguinte poñíanse á venda “2.000 bollos de leche con almendra, pasas y anises que cada año se preparan para la ocasión”; esta vez, como novidade, “se pusieron a la venta 200 pañuelos que llevaban grabada la imagen del santo” (La Voz de Galicia.1998, 4 de febreiro).
Esta edición da Festa tivo lugar despois dunhas eleccións municipais bastante disputadas e controvertidas, chegando a un enfrontamento, verbal, entre o antigo alcalde, Manuel María Neira, e o actual rexedor, Xosé María García Rivera. Ambos prometeran, publicamente, levarse ben con motivo da festa e o xornalista anota que “San Blas es testigo de que cumplen su promesa de llevarse bien”, ilustraba a noticia unha fotografía de ambos alcaldes (anterior e actual) sentados en primeira fila.
Si en 1998 se vendía un total de 2.000 pans de San Brais, ao ano seguinte descendíase ata 1.500, que tiñan un valor de 125 pesetas (0.75€). Entre os anos 2012 e 2014 vendéronse un total de 3.000 pans en cada unha das edicións da Festa.
Deixamos aquí o artigo, conscientes de que ao ano seguinte, e con motivo dunha nova edición do San Brais de Vilaxoane, deberemos de cubrir esta festividade que tanto arraigo ten no noso concello.