Xuñ 20, 2026 | Foz ao día, Novas

Foz iluminará a fachada da Casa do Concello de cor verde con motivo do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), que se conmemora este domingo, día 21 de xuño, “sumándose así á campaña de sensibilización e apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade neurodexenerativa e ás súas familias”.

A concelleira de Sanidade en Foz, Kathy Navarro Machado, explica que “a ELA é unha enfermidade do sistema nervioso que afecta ás neuronas motoras, provocando unha perda progresiva da mobilidade muscular. Co paso do tempo, as persoas afectadas poden ver comprometidas funcións básicas como camiñar, falar, comer ou respirar, mantendo na maioría dos casos intactas as capacidades cognitivas. En España estímase que arredor de 4.000 persoas conviven actualmente con esta enfermidade e cada ano diagnostícanse novos casos. A investigación científica e o acceso a recursos asistenciais resultan fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e avanzar cara a novos tratamentos. Con este xesto simbólico, o Concello de Foz quere amosar o seu compromiso coa sensibilización social, a visibilización da ELA e o apoio ás persoas afectadas e ás súas familias, contribuíndo a facer máis visible unha realidade que precisa maior coñecemento e máis recursos”.

Ademais Kathy Navarro destaca que “é importante que desde as institucións locais apoiemos causas que axudan a visibilizar enfermidades como a ELA, que teñen un enorme impacto nas persoas afectadas e nas súas familias. Con esta iluminación queremos trasladar unha mensaxe de apoio, empatía e compromiso coa sensibilización social e coa investigación. O Concello de Foz reafirma así a súa aposta pola promoción da saúde e pola participación en iniciativas de concienciación que contribúan a construír unha sociedade máis informada, sensible e comprometida coas persoas afectadas por diferentes doenzas”.