A programación inclúe centros de interese, a iniciativa Book Friday, unha homenaxe aos mestres e mestras do municipio e o concurso de postais de Nadal.
A Biblioteca Municipal de Foz presenta unha nova programación de actividades para os últimos días de novembro e o inicio da época do Nadal, con propostas destinadas a fomentar a lectura, recuperar a memoria local e promover a participación da comunidade educativa.
Centro de interese dedicado ao 25N
Con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a biblioteca conta cun centro de interese que reúne unha selección de publicacións divulgativas sobre as diferentes formas de violencia contra as mulleres.
Esta proposta forma parte dos centros de interese que a biblioteca organiza ao longo de todo o ano arredor de diferentes temáticas e conmemoracións.
Book Friday
Este venres, 27 de novembro, a Biblioteca Municipal súmase á celebración do Book Friday baixo o lema «Consume lectura, ti decides», unha iniciativa que convida a gozar dos libros e fomentar o hábito lector.
Homenaxe aos mestres e mestras de Foz
Coincidindo coa celebración do Día do Mestre, tamén o 27 de novembro, a biblioteca dedica un espazo ao recoñecemento da figura dos mestres e mestras do municipio.
A iniciativa enmárcase nos traballos de ampliación do Fondo de Memoria Local da Biblioteca Municipal e inclúe unha exposición de materiais bibliográficos vinculados a docentes de Foz, contribuíndo á conservación e divulgación da memoria educativa do municipio.
Concurso de postais de Nadal
De cara ás próximas festas, convócase unha nova edición do concurso de postais de Nadal, no que poderá participar o alumnado de Educación Infantil, Primaria e ESO do municipio.
A postal gañadora será a imaxe que empregue o Concello de Foz para felicitar o Nadal a todos os veciños e veciñas.
As persoas interesadas en coñecer máis detalles sobre o concurso ou o resto das actividades poden solicitar información na Biblioteca Municipal de Foz.

