O Concello de Foz aprobou no pleno extraordinario deste venres un suplemento de crédito de 670.000 euros e outros cinco expedientes de especial relevancia para o municipio.

Nov 13, 2026 | Foz ao día, Novas

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anunciou que este venres, día 13 de novembro, foron aprobados nun pleno extraordinario da corporación municipal 6 expedientes de especial relevancia para o Concello, entre os que se inclúe un suplemento de crédito de 670.000 euros.

“Levamos a aprobación neste pleno a tramitación do expediente de expropiación para o retranqueo do paseo marítimo de Cangas de Foz, no entorno da Cala de San Pedro, que saíu adiante coa abstención das forzas da oposición. Para nós é moi importante poñer a disposición do Servizo de Costas uns terreos que permitirán restituír o paseo marítimo no entorno do restaurante Selmira, evitando deste xeito o perigo que supón camiñar polo arcén da estrada nacional. O Ministerio de Transición Ecolóxica estaba esperando a aprobación desta proposta para aprobar definitivamente no BOE o proxecto e restituír unha senda que usan a diario moitas veciñas e veciños de Cangas”, explica o alcalde.

Tamén saíu adiante a aprobación da adhesión ao programa de promoción da reciclaxe de Sogama e a nova licitación do servizo de axuda no fogar (SAF), que vence o vindeiro ano. No tocante ao servizo de axuda no fogar, unha prestación de benestar social básica para o Concello de Foz, o servizo pasa dun custo/hora de 17,88 euros a un prezo de 24,96 euros/hora, sobre o cal as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas. “Esta prestación é unha competencia da Xunta de Galicia que xestionan os concellos, pero que debe financiar por completo a comunidade autónoma. O acordo imposto pola Consellería de Política Social á Fegamp no que a Xunta aporta no 2027 17 euros á hora e no 2028, 18 euros á hora, é claramente insuficiente. Isto provoca que esta prestación fundamental básica teña que ser soportada con recursos municipais, fondos que deixan de ser investidos noutras necesidades do Concello. Demandamos, unha vez máis, á Xunta de Galicia a que cumpra as súas obrigas con algo tan básico como é o benestar dos maiores”, destaca o rexedor municipal, que engade: “están abandonando as súas obrigas dunha forma obscena”

Tamén se tratou no pleno a aprobación da continuidade no servizo público da piscina: “temos moi avanzados xa os novos pregos e contamos cun borrador de ordenanza tarifaria que están analizando os servizos técnicos municipais. Queremos que o novo contrato leve aparelladas melloras nas instalacións, especialmente no ximnasio”, explica Fran Cajoto. A actual concesionaria continuará a prestar o servizo mentres se rematan os traballos técnicos para a nova licitación.

O goberno municipal tamén sacou adiante, coa abstención do Partido Popular e o voto en contra do BNG, un suplemento de crédito de 670.000 euros que leva aparelladas varios investimentos no municipio. “Este suplemento foi posible por un aumento dos tributos transferidos polo Estado respecto ao previsto inicialmente, de 590.000 euros, e pola liquidación positiva do Estado do exercido 2024 nunha contía de 80.000 euros”, informa o alcalde, que engade: “estamos moi de acordo cunha serie de investimentos propostos polo Partido Popular, no eido da cultura e do deporte, que incluímos cunha contía de 100.000 euros e que facilitaron a súa abstención, como un novo vídeo marcador para o Pavillón de Marzán e melloras no Museo da Basílica. Ademais, desde o goberno incluímos a expropiación dos terreos de Cangas necesarios para a reposición do paseo marítimo -41.000 mil euros-, renovar a pintura da Casa de Cultura Poeta Manuel María -46.000 euros-, adquirir un novo vehículo e material para a Policía Local -55.000 euros-, o arranxo e mellora de parques -104.000 euros, que se verán incrementados con outros plans de inversión-, unha nova zodiac para o servizo de salvamento -12.500 euros- ou a liquidación das obras de mellora no casco urbano -por importe de 46 mil euros- nas que se executou un novo colector de saneamento na rúa do Mar non incluído no proxecto inicial”.

O alcalde de Foz mostrouse moi satisfeito por chegar a distintos acordos coas forzas políticas da corporación, nun exercicio da “mellor política municipal, a dos acordos. As forzas municipais concordamos na maioría das necesidades e o noso obxectivo é que Foz continúa na senda de mellora e crecemento que estamos a experimentar”.