Responsables do Concello de Foz -o alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira Kathy Navarro- mantiveron un encontro coa Asociación Capaces Lugo e con Eva Fernández, unha das nais da comarca que impulsaron a iniciativa “ante a necesidade de contar na Mariña con alternativas de lecer adaptado para nenos e nenas”. Durante a reunión presentouse Sábados para crecer, un proxecto que Capaces xa desenvolve en Lugo e que busca ofrecer aos rapaces e rapazas un espazo de lecer adaptado ás súas necesidades e, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación das súas familias. O alcalde trasladou o compromiso do Concello de colaborar coa asociación “para que este recurso poida desenvolverse en Foz, teña continuidade e dea servizo ás familias de toda A Mariña”. A nova delegación de Capaces Lugo na Mariña terá a súa sede en Foz e estará coordinada por Eva Fernández e Eva Rubiños.
Kathy Navarro comentou: “dende o Concello estamos contentos con poder aportar o noso gran de area en algo que implica a tantos nenos e a tantas familias: colaborar con esta asociación en materia de inclusión e ofrecerlles o espazo preciso para desenvolver a súa actividade, un punto de encontro, de apoio e de inclusión”.
E Fran Cajoto destacou que “a xornada informativa sobre o síndrome do espectro autista que organizaron Eva Rubiños e Eva Fernández o 2 de abril deste ano tivo unha acollida impresionante. Non só nais e pais, o Cenima quedou moi pequeno para acoller a tantos docentes e sanitarios que demandaban información para saber como actuar, as necesidades que ten un neno autista. Isto é un paso máis. Desde o Concello de Foz non podemos facer máis que facilitarlles o traballo e, por suposto, imos colaborar coa iniciativa Sábados para crecer e estamos orgullosos de que Foz fora a escollida como delegación na Mariña da Asociación Capaces Lugo. Felicidades de novo a Eva Fernández e Eva Rubiños por tanto traballo e esforzo”.
As familias interesadas en recibir máis información poden contactar coa asociación a través do correo electrónico capaceslugo@gmail.com.

