Set 7, 2026 | Foz ao día, Novas

O Concello de Foz convenia coa Deputación de Lugo a renovación de ventás e o pintado da Casa do Concello e do CENIMA, así como a instalación de paneis informativos, por importe de 250.000 euros.

O convenio aprobado en Xunta de Goberno da Deputación de Lugo o venres 28 de agosto inclúe distintas actuacións: “no tocante aos cerramentos exteriores, na Casa do Concello vanse a renovar ventás en madeira que nunca foran substituídas, retirada de enreixados onde non é necesario, cambiar as portas exteriores e a galería que comunica os dous edificios e que presenta humidades e un mal estado de conservación, por un importe total de algo máis de 46.000 euros. No CENIMA vaise a substituír o ventanal principal da planta baixa,  por un importe de algo máis de 8.500 euros.  Ademais, por un montante total de case 155.000 euros, vanse a limpar e arranxar as paredes exteriores da Casa do Concello e o CENIMA e aplicar unha imprimación e tres capas de pintura elástica. Cos 40.591,31 euros restantes o Concello vai instalar unha marquesiña de autobús na Avenida da Mariña para agardar o transporte, renovar 4 bancos en mal estado e instalar 4 tótems informativos de vídeo con pantalla de definición 4K para poder comunicar dun xeito áxil e dinámico eventos, programación do Concello ou outra información de interese”.

O alcalde, Fran Cajoto explica: “estamos a falar dunha inversión moi necesaria, con  traballos tan demandados como o pintado da Casa do Concello. Vimos de rematar a renovación completa da cuberta do edificio, con case 87.000 euros con cargo ao Plan Deputación 2025. Con 111.000 euros imos comezar nos próximos días as obras de renovación de muros e escaleiras da Praza do Concello e o pintado será a terceira fase. Agradecemos o apoio da Deputación de Lugo para uns traballos moi necesarios na casa de todos. Son investimentos lóxicos, con actuacións como a instalación dunha marquesiña ou de paneis informativos que van a facilitar o día a día a todos os veciños”.