A VI Panceparty celebrarase en Foz, concretamente no Campo da Cabana, este sábado, día 22 de agosto.
A organización explica que a Panceparty “é unha cita gastronómica e festiva que alcanza xa a súa sexta edición e que se consolidou como un dos eventos do verán no municipio. A celebración naceu en 2018 co obxectivo de render homenaxe a un dos produtos máis populares da gastronomía galega, a panceta de porco, e desde entón non deixou de crecer. Ano tras ano a afluencia de público foi en aumento, convertendo a Panceparty nunha cita cada vez máis multitudinaria e esperada tanto por veciños como por visitantes. A programación arrincará ás 13.00 horas cunha sesión vermú acompañada de música en directo. Durante esta primeira parte da xornada tamén haberá servizo de pulpeiro, dispoñible ata as 15.00 horas, para quen queira desfrutar dunha comida no propio Campo da Cabana. A actividade retomarase ás 19.00 horas coa tradicional degustación gastronómica. Os asistentes poderán elixir entre unha ración de paceta con chourizo, pan e auga ou viño por 13 euros, ou unha ración de lagostinos con pan e auga ou viño, tamén por 13 euros. Ambas as opcións inclúen ademais a posibilidade de participar nos sorteos organizados durante a xornada”.
Tamén anuncian que “a música será outro dos grandes protagonistas desta edición. O dúo Puma será o encargado de poñer ritmo á festa, mentres que Puzzle Animación ocuparase de dinamizar o evento con diferentes propostas para o público”.
Os organizadores esperan “repetir o éxito das últimas edicións e continuar coa tendencia ascendente de participación que acompañou á Panceparty desde os seus comezos. A combinación de gastronomía, música, animación e ambiente festivo volve converter o Campo da Cabana no punto de encontro para unha xornada pensada para desfrutar en compañía. As entradas poden adquirirse de forma anticipada, unha opción que permite ademais evitar as colas de acceso”.
A organización corre a cargo do colectivo focego Éche o que hai, coa colaboración do Concello de Foz e do departamento de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.


