O Concello de Foz presenta o cartel e o programa das festas do San Lourenzo, que se celebrarán desde o día 7 ata o 11 de agosto.
“Chega agosto e con el o San Lourenzo a Foz. Un mes cheo de actividades, de cultura, deportes e actividades de ocio”, anuncia a concelleira de Cultura, Inés López Couto, que explica: “as actividades do San Lourenzo comezan o xoves 6, coa actuación do grupo Mar Aberto na praza Rosalía de Castro ás 21.00 horas; o venres 7 teremos o pregón que este ano será a cargo de José Manuel Romero Moreno (Conde de Fontao e veciño de Foz). O pregón será na Praza Rosalía de Castro (Campo da Cabana) ás 20.30 horas. A continuación terá lugar un concerto do grupo Pantera Rosa. O sábado 8 haberá sesión vermú a partir das 14.00 horas na explanada do peirao co grupo Eric Hidalgo Prime; e a partir das 23.00 horas será este mesmo grupo e a orquestra Miramar os encargados de amenizar a noite. O domingo 9 a sesión vermú será a cargo da orquestra Magos e pola noite a partir das 23.00 horas actuarán as orquestras Magos e Finisterre. O luns 10 é o día grande, día de San Lourenzo. A misa será ás 12.00 horas na igrexa parroquial, con procesión a cargo de O Feitizo e sesión vermú coa orquestra Platinum. Pola noite a verbena será con Platinum e América de Vigo. Ás 23.59 horas será o momento do espectáculo de fogos artificiais e ao finalizar continuará a verbena. O martes 11 será o último día de verbenas, na Praza Conde de Fontao a partir das 22.00 horas co grupo Nostalgia.”
O concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira, engade que “a semana do San Lourenzo non terá so as actividades festivas senón que tamén haberá Noites Alternativas: o luns 3, martes 4 e mércores 5 teremos wipe out no Campo da Cabana, a partir das 22.00 horas e coas inscricións na web do concello”.
E o alcalde, Fran Cajoto, destaca que “este ano o pregoeiro do San Lourenzo é unha persoa que quere Foz e que sempre está disposto a colaborar con todo aquilo que se lle propón, participando en todas aquelas actividades que se organizan, sobre todo do ámbito cultural. José Manuel sempre ten Foz presente”. E o rexedor engade que “o cartel é un resumo do que é Foz. En breve teremos máis novidades que complementarán as actividades do San Lourenzo”.


