A Concellería de Muller e Igualdade do Concello de Foz habilitará, de maneira conxunta, un Punto Violeta e un Punto LGTBIQA+ durante as celebracións das festas patronais na honra a Virxe do Carme.
A concelleira de Muller e Igualdade, Ana Rojo explica que “a novidade deste ano é a implantación de maneira conxunta dun Punto Violeta e dun Punto LGTBIQA+, deseñados a modo de información, de prevención, para garantir un ocio nocturno de disfrute e de respecto nos diversos eventos das festas patronais, buscando que sexan espazos seguros, tolerantes e libres de agresións machistas. O obxectivo principal da campaña é a sensibilización de toda a cidadanía, ademais de promover unhas festas patronais seguras e inclusivas, a iniciativa busca disuadir condutas inapropiadas, baixo o principio da igualdade, do respecto mutuo e da diversidade afectivo-sexual, previndo condutas LGTBIfóbicas, en resposta a mensaxes de odio ou de discriminación cara ao colectivo. Estes espazos configuraranse como puntos de prevención, sensibilización e atención a calquera persoa que necesite recibir orientación e apoio ante situacións de acoso, de agresión sexual, comportamentos tránsfobos ou homófobos ou ante calquera conduta que vulnere a súa liberdade”.
Ana Rojo destaca que “como novidade este ano o Punto Violeta, ademais de repartir guías e folletos de material preventivo e de recursos de autoprotección contra as agresións sexuais, contará coas pulseiras Centinela, dispositivos que son capaces de detectar en poucos segundos máis de 22 sustancias estupefacientes: ketaminas, ghb, escopolaminas, etcétera. Con un simple test a pulseira cambia de cor na tonalidade especifica da sustancia detectada, ofrecendo de forma automatizada a geolocalización de todos os servizos sanitarios e de emerxencias máis pretos o lugar onde se atope a vítima, converténdose nun complemento disuasorio a posibles agresores. Estes espazos estarán atendidos por persoal cualificado, psicóloga, integradora social e técnica en igualdade, durante os días principais das festas. Abrirán en horario de 23 a 4:00 horas na mesma ubicación de anos anteriores: debaixo da terraza do bar Náutico e do edificio de Servizos Sociais, ó carón do parque Conde de Fontao”.
O Concello de Foz “reafirma o seu compromiso por unas festas libres de agresións sexistas e LGTBIfóbicas, lembrando que calquera persoa que necesite información, apoio ou acompañamento poderá dirixirse o Punto Violeta ou Punto LGTBI. Destacamos a importancia desta campaña, reforzando o compromiso municipal coa loita contra violencia machista e a lgtbifobia nas rúas, garantindo con corresponsabilidade dunhas festas patronais de disfrute nun entorno seguro e amable. Boas Festas!”, remata a concelleira de Muller e Igualdade.

