O Concello de Foz “non para e continúa o seu traballo na área cultural. Despois dun exitoso certame de teatro afeccionado no mes de xuño, o mes de xullo tamén ven cargado de actividades”, anuncia a concelleira de Cultura, Inés López Couto, que explica: “esta primeira fin de semana de xullo damos comezo ao ciclo de concertos Sons na Rúa, na que os grupos locais nos deleitarán con actuacións ás 21.00 horas nas prazas do concello. Neste caso arrancamos co grupo da Escola de Música Municipal MPlan, que tocará na Praza Rosalía de Castro. Tamén abrirá este venres a Feira Galega de Artesáns, que estará toda a fin de semana na Praza Conde de Fontao, en horario de 12 a 14 e de 18 a 23 horas”.
Inés López engade: “para quen lle apeteza unha boa cea, na Espiñera organizan a súa 4ª Torresmada Popular o sábado a partir das 20.30 horas amenizada ademais con música, entre outros da agrupación a Subela de Foz. E para rematar a fin de semana con boas vibracións volve coma todos os anos o Festival Coa Nosa Fala, que trae a mellor música galega e en galego. Este ano contamos co grupo Dous, clarinete e guitarra que nos deleitarán co seu son, así coma o grupo De Vacas, que coas súas versións das cancións máis actuais farannos bailar e rir a un tempo. Será a partir das 21.00 horas do domingo na Praza Rosalía de Castro”.
A concelleira de Cultura anuncia tamén: “a vindeira semana comezamos cos martes de teatro infantil e a partir das 20.30 horas na Praza Rosalía de Castro poderemos ver a Compañía Elefante Elegante coa obra Coralinda”.
E o alcalde, Fran Cajoto, destaca: “abrimos o verán de Foz cun sol radiante e a mellor das culturas para que todos desfrutemos. Artesáns, música, teatro, e como non, unha gastronomía marabillosa, para pasar uns meses de actividades ao aire libre do máis alto nivel”.




