Xuñ 8, 2026 | Foz ao día, Novas

O Concello de Foz ten en marcha as obras de renovación do céspede artificial e do rego automático do Campo de Fútbol Municipal de Malates por un importe de 203.221 euros. Está actuación, que está previsto rematar nas vindeiras semanas, lévase a cabo grazas a un acordo acadado entre o goberno local socialista e o grupo municipal do Partido Popular.

O alcalde, Fran Cajoto; o concelleiro de Deportes, Ángel Fernández; e o voceiro municipal do PP, Javier Castiñeira; visitaron as instalacións deportivas de Malates hoxe, luns, para ver a marcha das obras.

Fran Cajoto explicou: “estamos renovando o céspede, a través dun convenio coa Deputación de Lugo, despois da adxudicación desta obra por 203.000 euros de investimento; e tamén cun acordo co Partido Popular, que solicitou esta inversión moi necesaria porque o céspede estaba en moi mal estado. Desde o Concello estamos traballando precisamente para que os clubs teñan as mellores superficies, os mellores campos de xogo. A Asociación Deportiva Santiago de Foz, o Club Deportivo Foz e tamén o Club Atletismo Ría de Foz utilizan estas instalacións. Con este rego subterráneo que se vai instalar e este novo céspede case podo dicir que vamos ter un dos mellores campos da provincia”.

E Javier Castiñeira comentou que visitou esta obra “con moita gratitude porque era unha petición que nos fixera a comunidade deportiva usuaria  destas instalacións. Son moitos clubs e a verdade é que foi un pacto traballado politicamente no seu momento co equipo de goberno. Era unha necesidade, dado que había baches e polo tanto posibles riscos de lesións.  Foi a comunidade deportiva e usuaria deste campo a que nolo pediu e así o fixemos dentro dese pacto para sacar adiante o contrato da auga. E eu creo que o final é positivo para todos e que van a quedar unhas instalacións estupendas e duradeiras. Con este campo botamos 15 anos e loxicamente o obxectivo é levar un bo mantemento para intentar superar ese tempo, que vai en función do mantemento que se faga”.