Xuñ 5, 2026 | Foz ao día, Novas

Foz ilumina estes días a fachada da Casa do Concello en cor vermella con motivo do Día Mundial da Hemocromatose, que é este domingo, 7 de xuño. Súmase así á campaña de sensibilización e visibilización desta enfermidade xenética, “pouco coñecida pero máis frecuente do que se pensa”, explica a concelleira de Sanidade, Kathy Navarro Machado, que engade: “a hemocromatose é unha enfermidade hereditaria que provoca unha acumulación excesiva de ferro no organismo, podendo afectar órganos como o fígado, o corazón ou o páncreas se non se diagnostica e trata a tempo. Estímase que afecta aproximadamente a 1 de cada 1.000 persoas na súa forma máis desenvolvida, aínda que moitas permanecen sen diagnosticar durante anos debido a síntomas pouco específicos como cansazo, dor articular ou malestar xeral”.

Kathy Navarro destaca que “con este xesto simbólico, o Concello de Foz quere amosar o seu apoio ás persoas afectadas e ás súas familias, así como contribuír á concienciación social sobre a importancia da detección precoz e do coñecemento desta doenza. Dende o Concello de Foz queremos dar visibilidade ás enfermidades que, malia ser pouco coñecidas, teñen un importante impacto na vida das persoas. Iluminar a Casa do Concello é un pequeno xesto de apoio e sensibilización para lembrar a importancia do diagnóstico temperán da hemocromatose e acompañar ás persoas afectadas. O Concello de Foz reafirma así o seu compromiso coa promoción da saúde e coa sensibilización arredor das diferentes enfermidades, sumándose ás datas conmemorativas que axudan a informar, concienciar e apoiar ás persoas afectadas”.