Xuñ 1, 2026 | Foz ao día, Novas

Este venres, 5 de xuño, dá comezo o V Certame de Teatro Afeccionado José Luis López Lorenzo O Poto, que organiza o Concello de Foz e busca “reivindicar a figura dos creadores, actores e actrices do teatro afeccionado, que en Foz tiveron un nome referente como foi O Poto”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto. Continuará os días 6, 7 , 12, 13 e 14 deste mes.

Inés López anuncia que “haberá obras de teatro gratuítas durante os venres, sábados e domingos desta fin de semana e a próxima. Os venres as obras serán na Sala Bahía e os sábados e domingos, na Casa da Cultura. Estamos encantados da alta participación que tivemos no certame, agradecemos enormemente a todas as compañías que se anotaron e esperamos que aqueles que non foran elixidos se volvan anotar, xa que o nivel era moi alto e foi difícil a escolla.”

A edil de Cultura destaca: “este ano temos compañías galegas de diversos puntos, pero tamén unha de Zamora, o que demostra a boa acollida que está tendo”. Por orde de actuación as obras e grupos, datas, lugares e horarios das representacións son: Moito ruído e poucas noces, da Asociación Cultural Teatro Carauta, venres 5 de xuño ás 20.00 horas na Sala Bahía; Mamaaá!!, de Fénix Teatro, sábado 6 de xuño ás 20.00 horas na Casa da Cultura; Unha obra para un pobo, da Asociación Cultural O Bicho da Barra , domingo 7 de xuño ás 18.30 horas na Casa da Cultura; Dona Clara, do Colectivo Cultural Ollomao, venres 12 de xuño ás 20.30 horas na Sala Bahía; Deus non quere calderilla, da Asociación The-Sastre, sábado 13 de xuño ás 20.00 horas na Casa da Cultura; e Veredicto, de Cambre Theatro Amador-CAMTHEAM, domingo 14 de xuño ás 18.30 horas na Casa da Cultura.

“Agardamos que veña moita xente a desfrutar do teatro e a colaborar co seu voto para escoller aos gañadores das distintas categorías. A entrega de premios será o sábado 20 de xuño nun acto presentado por Lucía Veiga e Marita Martínez”, finaliza a concelleira.