En outubro do pasado ano 2025 o profesor Pepe Otero presentaba na Casa da Cultura de Foz o seu último libro, Un paseo polo labirinto, acompañado polo ex director da Real Academia Española Darío Villanueva e do tamén profesor Ramón Reimunde. Este libro púxose á venda nas librerías de Foz (Bahía, Ofifoz e Rapadoira) e os beneficios decidiu doalos para contribuír ás necesidades dos servizos sociais que presta o Concello de Foz.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, veñen de recibir onte, mércores, o donativo froito das vendas en Foz do último libro do profesor Pepe Otero, na cantidade de 1.200 euros. O alcalde quixo expresar a súa “máis sincera gratitude ao noso profesor Pepe Otero: é a terceira ocasión na que dona os beneficios da súa obra, de forma totalmente altruísta, para axudar aos que máis o necesitan en Foz. Este xesto di moito del, como profesor e como persoa.”
A concelleira Ana Rojo quixo destacar “a calidade humana e o compromiso co noso pobo de Pepe Otero. Con esta doazón está contribuíndo a reforzar os programas de atención ás familias en situación de vulnerabilidade; queremos expresarlle o noso agradecemento”.
Nos anos 2018 e 2023 o profesor e filósofo Pepe Otero xa fixera doazóns ao Concello coas vendas de dúas publicacións anteriores.
