Mai 11, 2026 | Foz ao día, Novas

A Delegación de Cultura do Concello de Foz programa varios actos esta semana para celebrar o Día das Letras Galegas.

“Este domingo 17 celebraremos as nosas letras. É un día moi especial no que berramos orgullosos na nosa lingua. O seu uso no noso día a día faraa máis forte”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto, que engade: “a homenaxeada deste ano é Begoña Caamaño, unha escritora que por desgraza nos deixou moi nova, pero cunha obra moi bonita. E queremos mostrala con varios eventos para todos os públicos. O mércores 13 ás 18.30h no salón de actos da Casa da Cultura de Foz chegará a obra A gran viaxe das letras galegas, da compañía A Xanela do Maxín, un espectáculo que nos convida a embarcar nunha travesía única, onde as palabras non son só sons, senón que se converten en pontes entre pasados distantes e presentes próximos, entre o corazón e a memoria. Ao día seguinte, o xoves 14, tamén as 18.30 horas, realizarase un obradoiro de adornos de primavera con libros, en colaboración coa asociación Raíñas da Casa. Para esta última actividade necesítase inscrición, que se pode facer na biblioteca municipal ou no teléfono 982.140.675. É unha actividade pensada para nenos de máis de 6 anos. Ademais disto temos aberto o Certame de Narración e Debuxo Infantil das Letras Galegas da Biblioteca Pública de Lugo con categorías ata os 16 anos. Continuamos coas visitas escolares á biblioteca e a exposición de Circe a Morgana, que se poderá ver na Casa da Cultura”.

“A lingua é un patrimonio moi valioso que debemos preservar e a mellor maneira de facelo é utilizándoa, sendo a nosa mellor compañeira de viaxe na vida. Por iso reivindicamos o uso do galego na profesión, na escola, na administración … en resumo, na vida”, finaliza a concelleira de Cultura.