Abr 30, 2026 | Foz ao día, Novas

O Concello de Foz e a Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo renovan as instalacións do Centro de Exames da Mariña. Anúnciao o alcalde focego, Fran Cajoto, que ademais explica: “vinte ordenadores táctiles substituirán ao exame en papel e as pistas de destrezas trasládanse ao parque empresarial de Fazouro, nunha transformación que afecta a todas as autoescolas da comarca”.

O rexedor municipal informa tamén do avance dos traballos na aula de exames teóricos: “agora mesmo os instaladores eléctricos están traballando na disposición de todo o cableado, despois dos traballos de pintado do local e instalación de novas mesas. O investimento total nesta aula, sufragada polo Concello, ascende a máis de 24.000 euros, correspondendo 2.500 euros ás novas mesas e 21.000 euros ás instalacións e novos equipos informáticos. En canto os ordenadores estean instalados, a Dirección Xeral de Tráfico vai mudar o exame en papel polas novas probas dixitais xa implantadas noutros puntos, o cal suporá un avance moi significativo para todas e todos os alumnos”.

En canto ás pistas de destreza, Cajoto anuncia que se trasladarán de Marzán ao parque empresarial de Fazouro porque “a Xefatura Provincial de Tráfico emitiu un informe técnico segundo o cal se suspenden as probas en circuíto cerrado nas instalacións de Marzán para motos e vehículos pesados, ao presentar deficiencias de difícil solución técnica como a pendente das pistas ou a presencia de muros ou edificios próximos. Este mesmo xoves unha empresa de sinalización está a delimitar as novas pistas, situadas no parque empresarial de Fazouro. Estes traballos de pintado son sufragados polas autoescolas da Mariña e prevese que as novas pistas de destreza estean xa operativas para os exames de motos e pesados do mes de maio, programados para o día 21”.

O alcalde de Foz e do Xefe Provincial de Tráfico de Lugo, Alberto Rodríguez, destacan que “ningunha destas melloras terían sido posibles sen o entendemento entre os que teñen que tomar decisións e os que as viven desde dentro. Traballamos de forma coordinada para facer realidade esta transformación, co respaldo activo dos representantes das autoescolas da Mariña, que coñecen mellor que ninguén as necesidades reais do sector e das persoas que o forman”.