O Concello de Foz rematou onte, venres, o aglomerado en quente das rúas Jesús Nazareno e Concello de Cervo, dentro dos traballos de renovación de servizos e mellora de firme destas dúas rúas, cun orzamento consignado de 186.880 euros con cargo ao Plan Deputación 2025. O alcalde, Fran Cajoto, explica que “operarios da empresa adxudicataria continuarán estes días traballando na reposición das tapas de arquetas, sinalización e outros remates. Na rúa Jesús Nazareno vaise a renovar a escaleira que conecta co Campo da Cabana, dispoñendo tamén varandas para máis seguridade. O venres pasado a cargo da empresa Construcciones y Canalizaciones José Saa e dentro da garantía da obra tamén se arranxou o firme na baixada das Casas Baratas”.
O alcalde de Foz anuncia tamén as seguintes actuacións: “nos vindeiros días Ovisa vai a renovar servizos na rúa do Mar, para o que se modificará temporalmente o sentido do tráfico en Jesús Nazareno. A última actuación correspondente a este contrato vaise a desenvolver nos accesos ao instituto, traballos que imos retrasar ata a finalización do curso escolar”.

